Opinión

Metáforas do ADN

Cómpre manexar as metáforas con tento, ás veces poden resultar incendiarias. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, é filóloga, profesora de lingua inglesa, e dificilmente pode ignorar o significado último das súas afirmacións, cando ao falar dos incendios forestais "probablemente intencionados" di que esta cuestión "vai no ADN de Galicia".

Hai xentes que espallan sen ton nin son termos das ciencias coa pretensión de dotar o seu discurso de credibilidade. Así quen chama "parámetros" a aspectos ou dimensións sen valor numérico, ou quen designa "ecosistema" a circunstancias dos fenómenos sociais. Mais a afirmación sobre o ADN é, creo, máis grave.

Manter que prender lume ao monte vai no ADN de Galicia equivale a dicir que o horóscopo ou as profecías de Nostradamus decretan que o monte galego será inevitabelmente arrasado polos incendios. Está no noso destino, non hai que facerlle, vén dicir a conselleira. En consecuencia, a mensaxe implícita é que o Goberno galego non ten responsabilidade no asunto, nin pode facer nada para evitalos. Dise ADN por crer que soa máis científico e actual que horóscopo.

Ora ben, a crenza en que o ADN prescribe todo o que somos é anticuada, determinista, errada. ADN e ambiente interactúan, e nin sequera os nosos trazos biolóxicos son debidos exclusivamente aos xenes: en poucos, como o grupo sanguíneo, non hai efecto ambiental; a meirande parte como a estatura, dependen tamén da alimentación e das condicións sanitarias. Por non falar de comportamentos, dos que non hai datos que mostren ser herdados. 

Non está no noso "ADN" nin no noso destino contemplar impotentes como os incendios estragan o monte ano tras ano. Hai medidas, evitar a plantación de especies pirófilas, como os eucaliptos, manter limpo o monte contratando forestais todo o ano. Hai medidas e o Goberno galego e a conselleira teñen a responsabilidade de tomalas.

Comentarios