Opinión

A contradición: creación-destrución

A creatividade do pobo galego maniféstase de moi diferentes maneiras e unha delas é a cultura do audiovisual. Na Gala dos XXII premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual, celebrada na Coruña o 22 de marzo do 2024 recoñécese o traballo ben feito de moitas creadoras e creadores. 

O audiovisual funde historias, música, danza, canto, deseño novidoso das vestimentas, e da escenografía. Foi mostra da capacidade expresiva de artistas, ademais, das técnicas utilizadas por profesionais. A gala deixou magníficas probas do bo facer neste campo. É unha arte que une diferentes mestrías. Todo harmoniosamente ensamblado. O audiovisual mereceu  recoñecemento na Galiza e fóra dela. Exemplo son Matria, O Corno, Rapa, Bechos e Salta!

Sorprende e alaga unha creatividade que en códigos e linguaxes tradicionais da música, da danza, do baile e do canto incorpora elementos absolutamente novidosos, transformando a tradición, enriquecéndoa con propostas importantes de moita actualidade. Sempre en galego e cun público e audiencia entusiasmado e novo. Porque é a xente nova a que crea e a que gusta máis do audiovisual. É esperanza da continuidade. 

A tradición musical está viva en Milladoiro, Treixadura, Fuxan os Ventos, Malvela, Cantigas e Agarimos e un numeroso asociacionismo que mantén forte o noso folclore. Exemplo de futuro son Uxía Senlle, Sés, Guadi ,M. Peón, Mondra, X. Díaz e  Adufeiras do Salitre, Fillas de Casandra, Baiuca, Romero e Aliboria,  Tanxugueiras e Fran Sieira. 

Fronte a esta creatividade que nos enorgullece temos os depredadores do país. Capitalistas  axudados por políticos entreguistas e manipuladores que extraen a  riqueza, destrúen sectores primarios e non crean nin beneficio nin postos de traballo.

As últimas industrias de “enclave”, extractivas, que destrúen o medio a cambio dun “prato de lentellas” como sempre son as enerxéticas: ampliación dos encoros, muíños e unha macrocelulosa Altri dez veces Ence. Un gran problema para o agro e a vida normal dos concellos limítrofes. É unha ameaza de contaminación do Ulla que abastece 11 concellos e 146.000 persoas,  e para o marisco da ría de Arousa. É obrigado opoñerse a esta nova mostra de colonización. 

Comentarios