ENERXÍA

Bolivia recupera a filial de Red Eléctrica Española

O presidente Evo Morales anunciou a nacionalización das accións que Red Eléctrica Internacional posúe na empresa boliviana Transportadora de Electricidad, e deixou claro que ''antes xa eran nosas''

O presidente de Bolivia, Evo Morales, vén de nacionalizar as accións que Red Eléctrica Internacional, filial de Red Eléctrica Española, posúe na empresa Transportadora de Electricidad (TDE), e ordenou ao comandante en xefe das Forzas Armadas, Tito Gandarillas, que "tome as instalacións da administración e a operación" da empresa en Cochabamba.

Red Eléctrica Internacional adquiriu en 2002 o 99,94% das accións da empresa boliviana TDE, propietaria e operadora do Sistema Interconectado Nacional boliviano (SIN), que atende o 85% do mercado nacional.

Morales informou de que o seu Goberno asume esa decisión coma un xusto recoñecemento ás traballadoras, aos traballadores e ao pobo boliviano, que "loitou pola recuperación dos Recursos Naturais e dos servizos básicos", según declaracioóns recollidas pola oficial Agencia Boliviana de Información (ABI).

O presidente de Bolivia explicou que o decreto ten por obxecto nacionalizar en favor da Empresa Nacional de Electricidad de Bolivia (ENDE) o paquete de accións que posue a Sociedad Red Eléctrica Internacional na Transportadora de Electricidad e as accións propiedade de terceiros procedentes desa sociedade.

O Decreto Supremo 1214, polo que se ratifica a expropiación, di: "Nacionalízase a totalidade das accións que conforman o paquete que posúe a sociedade Red Eléctrica Internacional SAU, debéndose transferir, rexistrar as accións en favor do Estado Plurinacional de Bolivia baixo a titularidade da Empresa Nacional de Electricidad de Bolivia (ENDE)".

Morales incidiu en que a decisión correspóndese co marco xeral da política do seu Goberno, dirixido a “recuperar o control, administración e dirección das empresas estratéxicas. É dicir, para aclaración ante a opinión pública nacional e internacional, esta empresa antes era nosa e o que era noso agora estamos a nacionalizalo".

Comentarios