Néstor Goyanes, artista: "Quen eran netos de galegos na Arxentina, son agora avós de emigrantes á Galiza"

Néstor Goyanes (Bos Aires, Arxentina, 1960) é neto de emigrantes da Galiza, persoas ás que rende homenaxe na súa exposición Soñar o encontro: cartas ao mar, inaugurada recentemente no Museo de Gravado de Artes (Ribeira, O Barbanza). 
Néstor Goyanes é un artista centrado na mestura de distintas técnicas de gravado (Foto: Nós Diario).
photo_camera Néstor Goyanes é un artista centrado na mestura de distintas técnicas de gravado (Foto: Nós Diario).

Por que quixo centrar a exposición arredor das cartas?
O meu avó materno tiña un almacén de bebidas, un local que mesturaba a barra do bar con produtos para vender, como friames e demais. Cada domingo xuntábanse parentes e paisanos galegos a xogar ás cartas, mentres as mulleres cociñaban ou facían algunha outra actividade.

Neses encontros, contábanse historias da aldea ou da súa xuventude. Unha desas lembranzas que máis me marcou foi o último bico que meu avó lle deu á súa nai, que estaba embarazada. Un irmán que meu avó nunca chegou a coñecer. Con todo, si que se estabeleceu unha relación por cartas, que escribían a filla do seu irmán e a miña nai. 

Nos anos 90, pola miña actividade plástica, viaxei a Madrid para acudir a unha feira de gravados. Aí retomei a idea de ir á aldea do meu avó, Vilariño, para coñecer as miñas orixes, porque para aquel entón el xa morrera. É como unha sensación estraña porque te atopas cun lugar e tes a sensación de volver a el, aínda que nunca antes estiveras. Así, a única maneira de pórme en contacto cos meus parentes era buscar as direccións nesas cartas, que tamén acabei lendo.

Víñanseme lembranzas de cando chegaban, que eran moi ansiadas porque só viñan unha vez ao mes. Xuntábanse as mulleres da casa, preparaban mate ou café e mentres traballaban, cosendo, unha delas lía as cartas ás demais. Entre esas letras pasaba toda a historia de dúas familias. 

De aí nace esta homenaxe que eu lles fago ás cartas; ao mar, que dalgunha maneira nos uniu. Aquí, o río da Prata recibe o nome de mar doce, e mais dunha vez quedabamos sentados na beira meu avó, meu pai e eu mirando cara ao outro lado, imaxinando que do outro lado estaba o que tiveran que deixar atrás. 

Nas obras traballa con técnicas moi diferentes. 
Eu non son para nada ortodoxo. Na Galiza, por exemplo, hai moitos obradoiros e certames de gravado, mais eu intento armar unha técnica especial para que acompañe a idea que estou intentando transmitir. Na miña obra, mesturo litografía con xilografía, distintos tipos de estarcido... A idea é poder xerar climas para transmitir as mensaxes. Traballo sobre papeis especiais, moi finos e vaporosos, para dalgunha maneira simular ou transmitir a sensación do papel de carta que se utilizaba na época. Era un papel moi livián para abaratar o custo do envío. 

Despois de vir á Galiza para inaugurar a exposición, cales foron as sensacións que tivo?
Sempre vou estar agradecido a Xan Leira e a Xoán Pastor, os curadores. Estes traballos naceron hai 30 anos e con eles fixen infinidade de mostras pola Arxentina e polo Estado español. 

En Huelva foi onde me deron a primeira oportunidade para expor esta homenaxe aos meus parentes galegos e gardaron toda a mostra durante máis de sete anos á espera de que puidera ser exposta na Galiza. Para min, era importante traer estas cartas ao lugar de onde saíron. Tamén foi moi especial toda a experiencia gastronómica e volver escoitar esa musicalidade na maneira de falar que me leva á miña infancia. 

A acollida por parte do público foi moi boa, tamén porque hai moitas persoas que tiveron familia emigrada. Agora ademais toda esta historia xúntase coa outra migración, que se deu nos últimos anos e que é ao revés: netos de galegos son agora avós de emigrantes á Galiza.

Comentarios