Centos de persoas únense para cantar o "Grândola" nos 50 anos do 25 de Abril

Un millar de persoas xuntáronse ás portas do Auditorio da Galiza para entoar a composición do Zeca Afonso que se transformaría no himno da Revolución.
Canto popular do "Grândola, vila morena", esta quinta feira, en Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Canto popular do "Grândola, vila morena", esta quinta feira, en Vigo. (Foto: David Miranda)

O 25 de abril segue vivo na Galiza. Múltiples actividades tiveron lugar onte, por toda a xeografía do país, para conmemorar a Revolución dos Cravos de Portugal no seu 50º aniversario.

En Compostela, os actos comezaron ás 10.30 horas, na Facultade de Filoloxía da USC, no marco do amplo programa que desenvolve, con motivo dos cincuenta anos da revolución, até o próximo 8 de maio. Así, Carlos Pazos-Justo e Roberto Samartim presentaron o volume 50 anos de abril na Galiza e, posteriormente, tivo lugar a palestra de Rui Pato.

Na capital, onde tivo lugar a primeira interpretación pública de Grândola, Vila Morena, en 1972, un millar de persoas xuntáronse pasadas as 18.30 horas ás portas do Auditorio da Galiza -nos terreos que daquela ocupaba o pavillón do Burgo das Nacións, onde a peza tivo a súa primeira presentación pública- para entoar a composición do Zeca Afonso que se transformaría no himno da Revolución.

O programa conmemorativo continuou no Teatro Principal co concerto 50 anos de abril, un evento promovido pola Associação José Afonso en Galiza (AJA Galiza) co apoio do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña. O recital reuníu artistas da Galiza e da Lusofonía para celebrar a obra do Zeca e a súa pegada nas culturas galega e portuguesa. O dúo luso-brasileiro Couple Coffee ofreceu un espectáculo singular con novas sonoridades. A seguir, tomaron o escenario do Teatro Principal Nacho Muñoz, Faia Díaz e Lar Legido cunha proposta que afondou na figura e repertorio de Zeca Afonso desde unha perspectiva contemporánea. Pecharon o concerto Nara e Manuel, o dúo compostelán integrado por Aldara Palmeiro e Manuel Lucas, que presentaron a súa "canção de intervenção".

Outros moitos actos decorreron pola Galiza adiante. Entre outros actos, no Carballiño, na tenda de OZocoGZ, presentouse o novo disco de Roberto Sobrado; en Ourense, o Café cultural Auriense celebrou unha  festa musical; o Auditorio da Illa de Arousa (O Salnés) proxectou o filme Linha Vermelha, de José Filipe Costa; Kalandraka presentou na sede de Afundación, en Santiago, o libro Abril é un país, de Tereixa Constenla; e a cantora Uxía estreou a canción e o vídeo "Cantar galego ao Zeca" que presentará o día 27 no Auditorio da Illa de Arousa, xunto a Luís Pastor e o dúo Couple Coffe.

No Museo de Pontevedra presentouse a Colectânea 2024 Sempre abril, un traballo elaborado por escritores de Portugal, Galiza, Asturias e Estremadura; e, nas escaleiras do Teatro Principal da cidade, foi coreado o Grândola, Vila Morena da man da agrupación Máis Cantos, liderada por Nelson Quinteiro.

 

Comentarios