A actual Lei de prensa e imprenta do Estado español foi aprobada en 1966 baixo o franquismo

Aínda que sufriu cambios, a Lei de prensa e imprenta estatal, impulsada por Manuel Fraga, segue vixente.
O ditador Francisco Franco, acompañado en 1964 polo Ministro de Información e Turismo naquela altura, Manuel Fraga Iribarne, inaugura os estudos de TVE (Foto: Europa Press / Co).
photo_camera O ditador Francisco Franco, acompañado en 1964 polo Ministro de Información e Turismo naquela altura, Manuel Fraga Iribarne, inaugura os estudos de TVE (Foto: Europa Press / Co).

A Lei 14/1966, do 18 de marzo, de prensa e imprenta do Estado español, aínda que con algún cambios, segue vixente a día de hoxe. Polo tanto, a lexislación que regula a actividade xornalística a nivel estatal aínda na actualidade ten a súa orixe na ditadura de Francisco Franco.

En 1962, Manuel Fraga Iribarne substituía a Gabriel Arias-Salgado como ministro de Información e Turismo da ditadura franquista. Con el ao mando deste departamento redáctase a Lei de prensa e imprenta de 1966.

Esta normativa foi complementada polo Estatuto da Publicidade do 11 de xuño de 1964, o Estatuto de Publicacións Infantís e Xuvenís do 19 de xaneiro de 1967 e o Estatuto da Profesión Xornalística, entre outros textos normativos.

Esta lei estabelecía causas para limitar a liberdade de expresión no seu segundo artigo: "A liberdade de expresión e o dereito á difusión de información, recoñecidas no artigo primeiro, non terán máis limitacións que as impostas polas leis. Son limitacións: o respecto á verdade e á moral; o acatamento á Lei de Principios do Movemento Nacional e demais Leis Fundamentais; as exixencias da defensa Nacional, da seguridade do Estado e do mantemento da orde pública interior e a paz exterior; o debido respecto ás institucións e ás persoas na crítica da acción política e administrativa; a independencia dos Tribunais e a salvagarda da intimidade e da honra persoal e familiar".

Cambios tras o falecemento de Franco

Unha vez falecido o ditador Francisco Franco, a lei de 1966 continuou vixente e aplicábel na súa integridade, o cal xerou non poucos conflitos cos diversos rotativos que pretendían recoller a nova información xerada pola maior presenza pública de forzas políticas, ao estar sometidos aínda a unha lexislación autoritaria.

Neste contexto xurdiu, ao abrigo da Lei para a Reforma Política, o Real Decreto-Lei 24/1977 do 1 de abril, que suprimía parcialmente o secuestro administrativo de publicacións (mantíñase en casos de informacións contrarias á unidade de España, á Monarquía ou ás Forzas Armadas). Ademais, derrogábase o polémico artigo segundo polo cal se sometía a liberdade de expresión aos Principios do Movemento Nacional.

Ao tempo, o Real Decreto-Lei 23/1977, do 1 de abril, encargábase de desmantelar formalmente a estrutura de medios de comunicación ao servizo do Movemento Nacional e adscribilos a un organismo autónomo dependente do Ministerio de Información e Turismo.

Varios artigos e capítulos da lei foron derrogados o 3 de agosto de 1984, cando a normativa sufriu a súa última modificación até o momento. Con todo, alén destes cambios, a Lei 14/1966, do 18 de marzo, de prensa e imprenta do Estado español, impulsada polo franquismo, segue vixente.

Comentarios