Opinión

Impasíbeis ante o cambio climático

[María Obelleiro]

Todos os sinais apuntan cara á mesma dirección: atopámonos nunha situación de emerxencia a respecto do clima. Cada novo estudo coñecido evidencia unha nova marca récord de alta temperatura, mais non é necesario recorrer a artigos científicos nin ser unha erudita para ser consciente da realidade provocada pola mudanza climática. Non hai tantos anos custaríanos crer que poderíamos ir á praia durante unha semana de mediados de abril con días nos que os termómetros marcaron máis de 25ºC e que na fin de semana, coa masa ártica que vai entrar, teremos que volver aos plumíferos para protexernos da chuvia e do frío.

Conferencia das Nacións Unidas de Estocolmo en 1972; Convenio de Viena de 1985; Protocolo de Montreal de 1987; Conferencia de Río de 1992; Protocolo de Kioto de 1997... boas palabras, sinaturas en cumios internacionais, mais incumprimentos reiterados e medidas insuficientes. Neste marco, os Gobernos seguen sen adoptar actuacións contundentes que contribúan a ralentizar unha mudanza climática que suporá máis pobreza e máis mortes. E, neste contexto, vimos de coñecer que a celulosa que Altri instalaría na Ulloa emitiría máis gases de efecto invernadoiro que a fábrica de Ence en Lourizán. O camiño debería ser outro. Váisenos a vida.

Comentarios