Agora

Agora

Interveñen 779 quilos de sardiña en Ribeira nun pesqueiro que superaba o peso de capturas permitido

O Servizo Marítimo da Garda Civil da Coruña incautou 779 quilogramos de sardiña no porto de Ribeira (O Barbanza) procedentes dun pesqueiro que superaba o peso máximo de capturas permitido. Segundo informou o Instituto Armado, a Unidade efectuaba un servizo propio na zona do porto da localidade cando observaron a atracada dun pesqueiro. Así, procederon a realizar un control das capturas que traía a bordo, constatando que foran rexistradas por un total de 2.500 quilos -o máximo permitido para este tipo de embarcación- mai que en realidade transportaba 3.279 quilogramos. Por este motivo, levantouse acta de denuncia e procedeuse á incautación do peixe.

Un avión no aeroporto de Vigo (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).
Agora

O aeroporto de Vigo suspende a partir desta segunda feira a actividade pola remodelación da pista

O aeroporto de Peinador, en Vigo, suspenderá a partir do 6 de maio a  súa actividade debido ás obras de remodelación da pista. As obras durarán nove meses mais o feche afecta só para o que queda de maio. A clausura desta infraestrutura de transporte afectará a máis de 500 traballadoras e traballadores malia evitar a súa realización en tempada alta.  O feche de Peinador afectará a eventos como a feira internacional da industria do naval, Navalia, que se decorrerá os días 21, 22 e 23 deste mes a uns metros do aeroporto, nos pavillóns do Ifevi. Dúas das compañías que operan en Vigo, Air Europa e Binter, trasladaron toda a súa operativa este mes ao Aeroporto Rosalía de Castro de Santiago mentres que outras optaron por reaxustar as súas liñas.

Agora

Desaloxan a veciñanza dun edificio de Tomiño por un forte cheiro a gas

Veciñas e veciños dun edificio situado na avenida de Ordóñez, en Goián, no concello de Tomiño (Baixo Miño) foron desaloxados, por precaución, tras un forte cheiro a gas. Segundo informou o 112, o suceso ocorreu minutos despois das 20.30 horas desta sexta feira cando unha persoa contactou coa Policía Local e explicou que había un cheiro a butano no edificio. A central de emerxencias alertou aos Bombeiros de Baixo Miño, aos membros do GES da Guarda, a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade e ao persoal da empresa subministradora do gas. Unha vez no punto, os axentes da Policía Local confirmaron a percepción do forte cheiro a gas no segundo andar, polo que procederon a evacuar a todo o edificio. Pola súa banda, os Bombeiros comprobaron os resultados negativos dos valores e indicaron que a orixe do cheiro a gas, probablemente tiña relación coas arquetas da rúa. Desta maneira, e tras a avaliación de profesionais, a veciñanza volveu ás súas casas e non houbo que lamentar ningún dano.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, intervindo na lectura de 'A república dos soños'.
Agora

Unha lectura colectiva en Santiago e Rio de Janeiro homenaxea Nélida Piñón

A Academia Brasileira de Letras e a Associaçom Galega da Língua homenaxean á escritora Nélida Piñón, cunha lectura colectiva que une as terras de orixe e adopción da autora. Unhas 300 persoas participan en Río de Janeiro e Compostela na lectura de A República dos Soños, sobre a inmigración da Galiza a Brasil. O evento comezou na data do nacemento da autora, 3 de maio, e remata na véspera do Día da Lingua Portuguesa, 4 de maio.  
A proba decorrerá polo centro desta localidade da Terra Chá. (Foto: FGA).
Agora

Guitiriz acolle a inauguración do Campionato Galego de Slálom

A localidade de Guitiriz (A Terra Chá) acolle hoxe, 4 de maio, a primeira proba puntuábel para o Campionato Xunta da Galiza de Slálom, unha competición que contará con máis de 30 equipos nunha liña de saída á que seguirá un percorrido con, explican desde a organización, "puntos de gran complexidade que porán a proba a pericia de todos e cada uno dos favoritos a facerse coa vitoria dentro das diferentes categorías". Con respecto aos horarios, os motores comezarán a ruxir ás 11.15 coa primeira das mangas de adestramentos, que dará paso a unha segunda pasada de proba polo circuíto para, a partir das 16.30, escoitar o disparo de saída dos tramos cronometrados. Ademais, e sen deixar o mundo do motor, Touro (Arzúa) será a sede ao longo desta fin de semana do Galego de Rallymix. 
Vertedura de augas residuais industriais este ano en Andalucía. (Foto: Silvema Serranía de Ronda-EEA)
Agora

Até 70% de xornalistas ambientais sufriron agresións, ameazas ou presións polo seu labor

Arredor de 70% das e dos xornalistas que informan sobre cuestións ambientais ou o cambio climático tiveron que enfrontar agresións, ameazas ou presións polo seu traballo, salientou na madrugada da sexta feira un estudo da Federación Internacional de Xornalistas e a Organización das Nacións Unidas (ONU) para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco). Precisamente a sexta feira conmemórase o Día Mundial da liberdade de prensa.

consello cultura galega
Agora

Jorge Mira, Paula Cabaleiro e Teresa Nieto entran no plenario doConsello da Cultura Galega

Na sesión plenaria celebrada esta quinta feira procedeuse á renovación dos seus membros na quenda de electivos, é dicir, persoas destacadas nos diversos campos da cultura. Incorpóranse Paula Cabaleiro (Cangas do Morrazo, 1986), Jorge Mira (Baio, 1968) e Teresa Nieto e recunca no cargo Xavier Queipo (Santiago, 1957). Foi o primeiro pleno ao que asistiu José López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude que recibiu a insignia da institución.Cesaron no posto, por cumprir o máximo tempo permitido (8 anos) Ángel Carracedo, Rebeca Blanco-Rotea e Carmen García Mateo.
Antía Mariño Tomé e Andrea Fernández Varela en 'As Neves'.
Agora

'As Neves' preestreouse na Fonsagrada

O equipo de As neves, primeira longametraxe da directora e guionista viguesa Sonia Méndez, compartiu hoxe co público da Fonsagrada a preestrea do filme, que foi rodado en diferentes localizacións do municipio, así como noutros concellos veciños e en Santiago de Compostela. O filme, protagonizado por un elenco maioritariamente novel, conta a historia dun grupo de adolescentes nunha localidade do interior a raíz da desaparición dunha das amigas durante a celebración do Entroido. O filme estreouse no Festival de Málaga e poderá verse nos cinemas a partir do 10 de maio. As neves é a primeira experiencia de Sonia Méndez como directora e guionista dunha longametraxe de ficción, se ben conta cunha recoñecida traxectoria de máis de vinte anos no sector audiovisual.

Marisa López, Efrén Castro, Tito Díaz e Iria Castro. (Foto: Vicepresidencia Deputación de Lugo).
Agora

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Breogán Lugo promoven a doazón de sangue

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Leite Río Breogán da Liga ACB de baloncesto colaboran, un ano máis, coa Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) na promoción da doazón. O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro; o director xeral da escuadra lucense, Tito Díaz; e a directora de ADOS, Marisa López, presentaron esta quinta feira unha campaña que se vén repetindo desde 2017 e que busca "sensibilizar sobre a importancia deste acto altruísta".
 
Ana Pontón Foro Económico Arxina
Agora

Industria e investimento centran o almorzo do Foro Económico da Galiza con Ana Pontón

Os almorzos organizados polo Foro Económico da Galiza tiveron esta quinta feira como convidada a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nun acto no que estiveron presentes membros desta egtidade, co seu director, Santiago Lago; á fronte. No almorzo foron abordadosdiversos asuntos que están na axenda parlamentaria da lexislatura que vén de comezar. A portavoz do BNG falou de tecnoloxía, da necesidade de atraer inversión á Galicia, da transición enerxética, do modelo de financiación autonómica e, de xeito especial da situación do tecido industrial de Galiza. Durante case as dúas horas do almorzo, tamén foi abordado o futuro do proxecto de Altri , así como o sector forestal como eido estratéxico para o desenvolvemento e dinamización do rural. Tamén os participantes abordaron a necesidade de incrementar os fondos para investigación nas Universidades galegas e como potenciar as relacións das universidades e co tecido empresarial.

EuropaPress_5931258_incautaciones_operacion_locales_tatuaje_coruneses_importaciones_tramites
Agora

Dous investigados nunha operación en locais de tatuaxe coruñeses por importacións sen trámites aduaneiros

A Garda Civil realizou unha inspección de 23 locais de tatuaxe, micropigmentación e piercing na provincia da Coruña no marco da operación Ospyl pola importación de produtos nos que se eluden os trámites aduaneiros, a cal se saldou con dous investigados e diversas incautacións de miles de agullas e tintas, así como de drogas.  Isto operativo foi desenvolto pola Patrulla Fiscal e Fronteiras da Coruña (Pafif) en colaboración co Destacamento de Fiscal e Fronteiras do Porto da Coruña. A investigación iniciouse o pasado 5 de febreiro ao ter coñecemento destas importacións ilegais. Segundo informa a Garda Civil nun comunicado, houbo inspeccións en estaeblecementos nos concellos da Coruña, Arteixo, Oleiros, Culleredo, Betanzos, Sada e Miño. Así, prodúcense 19 infraccións á normativa de contrabando, 33 infraccións á normativa sanitaria, 11 infraccións á normativa tributaria e laboral, 14 infraccións á normativa de protección de datos e consumo, así como oito infraccións á normativa de seguridade cidadá e estranxeiría.

Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 da Galiza, no municipio da Estrada (Foto: Europa Press).
Agora

Excarcerados e evacuados ao hospital dous ocupantes dun coche que chocou contra varios vehículos estacionados en Ourense

Dúas persoas tiveron que ser excarceradas e logo evacuadas a un hospital tras chocar o coche no que viaxaban con outros turismos estacionados en Ourense, segundo informou o CIAE 112 Galiza. Os feitos ocorreron sobre as 20 horas desta cuarta feira, e foi un particular que presenciou o ocorrido o que avisou a Emerxencias. O accidente tivo lugar na rúa Díaz da Banda, onde un turismo chocou contra varios vehículos aparcados. A testemuña que avisou ao 112 sinalou que podía haber varias persoas atrapadas no interior dun dos coches implicados.

Anthony Albanese, primeiro ministro de Australia, a terza feira. (Foto: Jono Searle / AAP / DPA vía Europa Press)
Agora

O primeiro ministro de Australia proclama que a violencia machista é unha "crise nacional" após duplicarse a cifra de asasinatos

Anthony Albanese, primeiro ministro progresista de Australia, subliñou a cuarta feira que padecen unha “crise nacional” polo “flaxelo” da violencia machista, tras as protestas neste sentido en múltiples cidades. 28 mulleres foron asasinadas ao longo de 2024, o dobre que no mesmo período de 2023. Albanese anunciou un programa de apoio para mulleres que escapan de situacións de violencia e outro para combater as falsificacións pornográficas.

Vero Boquete, celebrando o tanto que lle deu a clasificación europea á Fiorentina. (Foto: Fiorentina).
Agora

Vero Boquete clasifica a Fiorentina para a Champions

Aos seus 37 anos, a futbolista galega Vero Boquete continúa facendo historia. A futbolista galega vén de ser determinante para que o seu actual club, a Fiorentina italiana, fechase a súa clasificación para a Champions League. Nun encontro que enfrontou o cadro viola co nerazzurro do Inter de Milán durante a xornada de hoxe, un tanto de Boquete no minuto 95 de partido serviu para subir ao marcador o 2-2 definitivo e fechar, así, a presenza da Fiorentina na próxima edición da máxima edición continental. Agora, os próximos desafíos que deberá afrontar a compostelá serán as dúas datas restantes da Serie 'A' do Calcio e a finalísima da Copa de Italia.

O educador social Millán Brea. (Foto: M.B.).
Agora

Deporte e solidariedade danse a man en Ourense

A Facultade de Ciencias da Educación e Traballo Social de Ourense, pertencente á Universidade de Vigo (Uvigo), levará a cabo no día de mañá, 2 de maio, unha xornada na que se darán a man deporte e solidariedade. Baixo o título 'Inclusión e deporte: o deporte como chave para intervir socialmente', a actividade estruturarase en dúas partes. A primeira será un faladoiro onde se exporán as boas prácticas de cada unha das persoas conferenciantes -todas elas educadoras sociais-, mentres que na segunda desenvolveranse obradoiros prácticos relacionados co manexo e comunicación coas familias e a xestión de grupos. Deste modo, a actividade, gratuíta e aberta a persoas non matriculadas na Uvigo co obxectivo, segundo explican desde a organización, de "achegar unha proposta nun ámbito moi pouco coñecido", abrirá coa palestra de Natalia Gómez, adestradora do Club Ximnasia Pavillón de Ourense. Inmediatamente despois collerá a remuda Millán Brea, coordinador da Área Social do Club Ourense Baloncesto (COB), ao que seguirán a educadora social Ana Sagredo e María Acosta, estudante de Educación Social e membro da Asociación Universitaria de Ciencias da Educación (AUCE). Finalmente, o encargado de baixar o pano será Cristian González, experto no mundo dos eSports.
Planta de Stellantis en Vigo. (Foto: Europa Press)
Agora

Stellantis deterá parte da súa produción da quenda de noite da cuarta feira en Vigo por falta de pezas

A factoría viguesa do grupo automobilístico Stellantis deterá parte da súa produción na quenda de noite desta cuarta feira, 1 de maio, por falta de pezas necesarias para a fabricación dos seus vehículos. Tal como informou a compañía ao cadro de persoal, por causas de forza maior, debido a problemas de aprovisionamento, suspenderase a actividade da quenda de noite no Sistema 1 da planta de Balaídos, que ensambla os Peugeot 2008. Esta parada únese ás anterior ocasións nas que a fábrica de Vigo viuse obrigada a suspender os seus traballos por problemas similares nos últimos meses.

Fumigación contra os mosquitos que transmiten dengue no Brasil. (Foto: Lucio Tavora / Europa Press / Contacto)
Agora

Brasil supera os catro millóns de casos de dengue, que xa se converteu nunha epidemia rexional

Nos primeiros catro meses de 2024 as autoridades brasileiras notificaron 4,12 millóns de casos probábeis de dengue, cunha incidencia de máis de 2.000 casos por cada 100.000 habitantes, e confirmaron máis de 1.900 falecementos, con outros 2.345 baixo investigación, recolleron a terza feira medios internacionais. A expansión do dengue pola rexión levou Guatemala a declarar a emerxencia sanitaria para tratar de conter a doenza.

Pilar Lueiro e Minia Banet co cartaz das festas.
Agora

As festas da Ascensión de Santiago volven en maio cun completo programa de actividades

A concelleira de Festas de Compostela, Pilar Lueiro, e a deseñadora do cartaz, Minia Banet, presentaron onte o programa das Festas da Ascensión -que decorrerán desde o 8 de maio até o domingo 12-, ateigado de concertos e actuacións para todos os gustos, monicreques, drons e eventos deportivos, sen esquecer a vertente tradicional, con citas como a comparsa de Cabezudos, o Torneo da Chave ou os Cantos de Taberna. A orquesta Panorama, Fillas de Casandra ou Billie Marten son algunhas das actuacións destacadas así como o concerto dos 40 e o Composfest que traerá a artistas locais como Dios Ke Te Crew ou Boyanka Kostova. O Recinto Feiral de Amio acollerá a Festa das Persoas Maiores o sábado 11, e a popular Feira Cabalar durante a xornada do día da Ascensión. 
Marián Mouriño, Rafa Benítez, Carlos Mouriño e Luís Campos, durante a súa presentación como técnico celeste o pasado verán. (Foto: RC Celta)
Agora

Rafa Benítez desvincúlase do Celta

O Celta anunciou esta terza feira que chegou a un acordo con Rafa Benítez para a súa desvinculación da entidade celeste. Foi a través dun comunicado que fixo público nas súas redes sociais o club que preside Marián Mouriño. O técnico madrileño fora destituído o pasado 13 de marzo despois de oito meses no cargo na tempada do centenario da entidade galega. O club expresou o seu "máis sincero agradecemento pola implicación, honestidade e profesionalidade" que mostraron Benítez e o seu corpo técnico, cun "incansábel traballo desde a súa chegada". Ambas as dúas partes tiñan como data límite para resolver este asunto o 30 de xuño, durante a xornada en que conclúe de maneira oficial a tempada.
(Foto: Garda Civil / Arquivo)
Agora

Detidas 15 persoas nunha operación antidroga aberta nas Rías Baixas

Unha operación antidroga aberta nas Rías Baixas detivo polo menos a 15 persoas pola distribución de estupefacientes en distintos puntos do Estado. Nesta operación participan o Equipo de Crime Organizado (ECO) da Garda Civil de Pontevedra, dependente da UCO. A operación está en marcha e vaise a prolongar durante toda a xornada. Así, fixéronse rexistros fundamentalmente en vivendas nos concellos de Vilagarcía, Vilanova de Arousa, Cambados e Arcade, así como en Madrid.