Deporte e solidariedade danse a man en Ourense

A Facultade de Ciencias da Educación e Traballo Social de Ourense, pertencente á Universidade de Vigo (Uvigo), levará a cabo no día de mañá, 2 de maio, unha xornada na que se darán a man deporte e solidariedade. Baixo o título 'Inclusión e deporte: o deporte como chave para intervir socialmente', a actividade estruturarase en dúas partes. A primeira será un faladoiro onde se exporán as boas prácticas de cada unha das persoas conferenciantes -todas elas educadoras sociais-, mentres que na segunda desenvolveranse obradoiros prácticos relacionados co manexo e comunicación coas familias e a xestión de grupos. Deste modo, a actividade, gratuíta e aberta a persoas non matriculadas na Uvigo co obxectivo, segundo explican desde a organización, de "achegar unha proposta nun ámbito moi pouco coñecido", abrirá coa palestra de Natalia Gómez, adestradora do Club Ximnasia Pavillón de Ourense. Inmediatamente despois collerá a remuda Millán Brea, coordinador da Área Social do Club Ourense Baloncesto (COB), ao que seguirán a educadora social Ana Sagredo e María Acosta, estudante de Educación Social e membro da Asociación Universitaria de Ciencias da Educación (AUCE). Finalmente, o encargado de baixar o pano será Cristian González, experto no mundo dos eSports.
O educador social Millán Brea. (Foto: M.B.).
photo_camera O educador social Millán Brea. (Foto: M.B.).
Comentarios