Desaloxan a veciñanza dun edificio de Tomiño por un forte cheiro a gas

Veciñas e veciños dun edificio situado na avenida de Ordóñez, en Goián, no concello de Tomiño (Baixo Miño) foron desaloxados, por precaución, tras un forte cheiro a gas. Segundo informou o 112, o suceso ocorreu minutos despois das 20.30 horas desta sexta feira cando unha persoa contactou coa Policía Local e explicou que había un cheiro a butano no edificio. A central de emerxencias alertou aos Bombeiros de Baixo Miño, aos membros do GES da Guarda, a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade e ao persoal da empresa subministradora do gas. Unha vez no punto, os axentes da Policía Local confirmaron a percepción do forte cheiro a gas no segundo andar, polo que procederon a evacuar a todo o edificio. Pola súa banda, os Bombeiros comprobaron os resultados negativos dos valores e indicaron que a orixe do cheiro a gas, probablemente tiña relación coas arquetas da rúa. Desta maneira, e tras a avaliación de profesionais, a veciñanza volveu ás súas casas e non houbo que lamentar ningún dano.

Comentarios