O PSdeG ve "intolerábel" que Rueda "rompa o compromiso" de non reincorporar ao PP o edil condenado por violencia de xénero

A secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, cualificou de "intolerábeis" as declaracións do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, sobre a reincorporación ao PP do edil da Illa de Arousa (O Salnés) condenado por violencia de xénero. Esta segunda feira, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o titular do Goberno galego sinalou que "non" se oporá á "decisión do PP de Pontevedra" de recuperar ao edil. "O señor Rueda demostrou dúas cousas coas súas declaracións. A primeira, que non é unha persoa de fiar, que non é unha persoa de palabra", asegurou Fraga. Para a responsábel de Igualdade da formación socialista, Rueda tamén demostra que "non está á beira das vítimas de violencia de xénero" e lanza unha mensaxe "moi perigosa, dando a entender que a violencia de xénero é algo que se pode perdoar".

A secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga (Foto: Nós Diario).
photo_camera A secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga (Foto: Nós Diario).
Comentarios