Anxo Angueira centra o 'Sermos Galiza' desta fin de semana

A emigración e o surrealismo mariño de Urbano Lugrís tamén fan parte do semanario.
Detalles da capa do 'Sermos' desta fin de semana (Foto: Nós Diario).
photo_camera Detalles da capa do 'Sermos' desta fin de semana (Foto: Nós Diario).

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante a fin de semana. Desta vez o protagonista é Anxo Angueira, novo académico da RAG.

Nunha entrevista feita por Montse Fajardo esta explica que “Anxo Angueira (Dodro, 1961) vén de ser nomeado académico de número da Real Academia Galega (RAG), institución que concibe como concibiu sempre a cultura: independente de calquera inxerencia do poder. Chega á atalaia da lingua logo de pelexar por ela desde todas as frontes: o ensino, a escrita de poesía, narrativa e ensaio, ou a Fundación Rosalía. Nesta, con el como presidente, cumpriuse literalmente o mandado da poeta: Abride as fiestras! E todo fai prever que a súa chegada á RAG tamén traerá un sopro de aire fresco”.

Ademais, este sábado xunto co xornal e co 'Sermos Galiza' podes conseguir de balde un exemplar de 'Prófugas e apóstatas: as monxas touquinegras da Galiza', da autoría de Carolina Casal e Carme Varela.

Emigración

Abre este número do Sermos unha reportaxe sobre historias da emigración elaborada por Sara Pardo.

" Até o día 14 de xaneiro de 2024 será posíbel visitar a exposición 'As xeracións do Montserrat. Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido' no Kiosco Alfonso, na Coruña. Unha colección de fotografías, documentos e obxectos que compoñen a historia de centos de galegos e galegas que emigraron a Inglaterra a bordo dos buques Montserrat e Begoña”, indica Pardo.

Previamente, na páxina de apertura, a zoqueira Elena Ferro ofrece unha reflexión titulada ‘Campá.

Surrealismo mariño

A segunda reportaxe do semanario foi elaborada por Daniel Pérez Murado e titúlase ‘Urbano Lugrís, 50 anos de surrealismo mariño.

Pérez Murado explica que “Neste ano 2023 fanse 50 anos do pasamento dun dos artistas máis prolíficos e fundamentais da Galiza contemporánea: Urbano Lugrís González. Pintor, escritor, editor... Lugrís defínese como unha figura principal da estética galega do século XX, que deixaría unha pegada vital na configuración do imaxinario celta e atlantista”.

Literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Manuel López Foxo analizan na sección de libros dúas obras.

No apartado musical, Lois Agrelo analiza o disco Queimada, de Claqueta: 1,2,3 y.... Pola súa parte, Xurxo Souto escribe un artigo titulado ‘Urbano Lugrís, homenaxe aos músicos e poetas do mar’.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Napoleón. Segundo Castro, “a dirección de batallas sublime, moitas localizacións en exteriores, efectos visuais da ILM (que nin se notan), fotografía de corte pictórica da lente do  polaco Dariusz Wolski, vestiario, ambientación e a química atormentada que transmiten Joaquin  Phoenix e Vanessa Kirby fan que sexa un filme espectacular”.

Ramsés Pérez ofrécenos un artigo na sección de Ir ás aves e finaliza o semanario un artigo de Carlos L. Bernárdez na sección de arquitectura.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios