A Deputación da Coruña homenaxea Luísa Villalta cun programa para todo o ano

A velada do Colón reunirá a Yolanda Castaño, Dores Tembrás, Janet Novás, Mercedes Peón, Elena Vázquez Ledo, Hugo Gómez-Chao, Adriana Aranda, Eva Vieites, Lulavai e a Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia nun espectáculo poético e musical arredor de A música reservada, o primeiro poemario publicado pola honrada este ano no Día das Letras Galegas

Soledad Agra e Xulia Pisón na presentación do programa.
photo_camera Soledad Agra e Xulia Pisón na presentación do programa.

A área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña vén de fechar a programación dunha campaña para honrar a Luísa Villalta, a homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. Presentouna esta quinta feira, 3 de abril, a titular de Lingua, Soledad Agra, a quen acompañaron Diana Varela Puñal, secretaria da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, colaboradora na organización; Clara Porto, comisaria da gala incluída no programa, e a ilustradora Xulia Pisón, autora do cartel e do grafismo da campaña.

"Hai moitas autoras e autores", dixo Agra, "que cando se homenaxean polo Día das Letras non son tan coñecidos ou só se resalta a súa figura nese día e nese ano, pero Luísa é unha autora, unha escritora, unha multifacética persoa á que se seguiu homenaxeando moito, e moito tempo despois do seu pasamento, a través do tecido asociativo de moitas localidades, especialmente o da Coruña".

Gala no Teatro Colón

A campaña ten como cita destacada a gala que se celebrará o 15 de maio no Teatro Colón da Coruña, ás 19.30 horas, conducida polas poetas Yolanda Castaño e Dores Tembrás. Tomando como punto de partida o prólogo de A música reservada, o primeiro poemario publicado por Villalta, seis artistas inspiraranse para compoñer pezas musicais e performativas que dialogan intimamente co corpo e co mundo sonoro da escritora: Janet Novás, Mercedes Peón, Elena Vázquez Ledo, Hugo Gómez-Chao, Adriana Aranda e Eva Vieites. Tamén subirán ao escenario o cuarteto de arpas célticas Lulavai e a Orquestra Infantil da Sinfónica de Galiza. As entradas, de balde, na billeteira do teatro desde media hora antes do comezo da gala.

As propostas do programa espallaranse ao longo de todo ano con vinte obradoiros sobre Luísa Villalta; 17 contadas infantís en diferentes localidades, nas que se repartirán 300 exemplares de Tinta do mar, biografía de Villalta asinada por Polo Correo do Vento e ilustrada pola artista plástica Tania Solla; a distribución de 300 exemplares da novela de Villata As chaves do tempo  nas actividades organizadas pola Deputación, bibliotecas e axencias de lectura; e a realización dun  audiovisual sobre a vida e obra de Villalta, con intervencións de persoas que a coñeceron ben. O vídeo compartirase na web da Deputación. 

Comentarios