Eurovisión

Apupos (que Eurovisión tenta agochar) a Israel e denuncias pola censura de mensaxes propalestinas

Artistas denuncian a censura 'selectiva' de Eurovisión, que impediu todo tipo de símbolo ou mensaxe que tivese a ver con Palestina ou a denuncia dos ataques israelíes, mais non puido impedir que boa parte do público apupase a representante de Israel, Eden Golan, que pasa á final.
Actuación da israelí Eden Golan en Eurovisión. (Foto: EBU vía Europa Press)
photo_camera Actuación da israelí Eden Golan en Eurovisión. (Foto: EBU vía Europa Press)

A representante de Israel en Eurovisión 2024, Eden Golan, foi apupada, pero tamén aplaudida, por diferentes sectores do público durante a súa actuación na segunda semifinal do certame, despois de que tanto no ensaio da tarde como no da cuarta feira escoitase mentres cantaba no Malmö Arena berros de 'Palestina libre'.

Nesta ocasión si se puideron escoitar os apupos á representante israelí, algo que non sucedeu na retransmisión televisiva dos ensaios, xa que a organización (a Unión Europea de Radiodifusión, UER) utilizou un sistema de aplausos pregrabados para evitar que se escoitase a pitada tras a queixa da televisión pública israelí polos mesmos.

Segundo apuntan medios israelís, a televisión pública do país queixouse á UER polos apupos. Nunha entrevista coa propia emisora tras o ensaio da noite do mércores, Golan sinalou que esperaba os apupos e engadiu: "Estou orgullosa de representar ao meu país, especialmente este ano".

Iso si, Golan, que se clasificou para a gran final deste sábado, tamén recibiu aplausos e, de feito, desde o festival aseguráronse de que nas pantallas aparecese un grupo de eurofans portando a bandeira de Israel en apoio á representante. As bandeiras palestinas, porén, foron vetadas do certame, así como calquera outro símbolo de apoio ao pobo palestino.

E, neste contexto, foron varias as artistas que denunciaron a censura dunha UER que en 2022 excluíu Rusia pola invasión de Ucraína pero que este ano non fixo o propio con Israel. A representante de Irlanda, Bambie Thug, non puido lucir na semifinal as inscricións que inicialmente levaba polo seu corpo, na lingua celta ogham, demandando o cesamento dos ataques de Israel e "liberdade para Palestina". "Son unha persoa a favor da liberdade e da xustiza, pero desafortunadamente tiven que cambiar esas mensaxes hoxe, deixando só 'coroade a bruxa' [un dos lemas da súa canción] por orde da UER", lamentou.

Quen si conseguiu introducir o seu símbolo foi o cantante sueco —de orixe palestina— Eric Saade, que durante a súa actuación na terza feira portou o tradicional pano palestino atado ao pulso. A UER respondeu dicindo que lle parecía "triste" que "utilizase desa maneira" a súa participación no certame, ao que Saade respondeu: "Na miña opinión, iso é simplemente racismo. A UER parece atopar controvertida a miña etnia".

E a diferenza do sucedido no resto de Europa, a televisión pública flamenca, unha das dúas emisoras belgas que organizan a retransmisión do festival, interrumpiu a actuación de Golan: "Condenamos as violacións do Estado de Israel en Gaza. Israel está a esnaquizar a liberdade de prensa. Por iso interrompemos temporalmente a emisión", dixeron os presentadores. O representante de Bélxica en Eurovisión, Mustii, portou no brazo a palabra "Peace".

Protestas en Malmö

A participación de Israel en Eurovisión 2024 está a levantar protestas por toda a cidade anfitrioa, Malmö. De feito, dúas concentracións esta mesma quinta feira pediron o boicot ao certame pola participación da representante de Israel na segunda semifinal. Outra, pola súa parte, apoiou a candidatura de Golan.

As protestas comezaron en Stortorget, unha das prazas principais da cidade xunto á estación central. A policía sueca calcula que acudiron unhas 5.000 persoas á protesta e entre elas estaba a activista Greta Thunberg.

Comentarios