Os cambios que trae (e sufriu) o festival de novas tendencias Escenas do Cambio

Escenas do Cambio naceu con vocación de testemuña e motor das mudanzas no teatro, na danza e nas artes vivas, mais o que acabou transformándose (e minguando) foi o propio festival. Trece propostas conforman o programa da súa 10ª edición. 
 
Andrés Corchero e Oguri en 'My neighbor Sky'.
photo_camera Andrés Corchero e Oguri en 'My neighbor Sky'.

Escenas do Cambio, o festival dedicado ás novas tendencias escénicas que se desenvolve na Cidade da Cultura, celebra este ano o seu décimo aniversario. A primeira edición repasaba a historia da escena independente de man de Chévere, Matarile, as salas Nasa e Galán ou o festival En Pé de Pedra. O cambio albiscábase na escena galega, e determinadas etiquetas que despois se prodigarían -mesmo ás veces en exceso- comezaban a normalizarse por estas latitudes: teatro documental, teatro da memoria, teatro autobiográfico...

Tamén debían ser mellores tempos para os organizadores. Das máis de dúas semanas que duraban as primeiras edicións pasouse aos tres días desta última. E os rogramas daquel momento fan sospeitar que o cambio tamén chegou até o orzamento do festival. Figuras internacionais como Tiago Rodrigues, Rimini Protokoll, Jérôme Bel, Lagartijas Tiradas as Sol, Rodrigo García, Mohamed El Khatib, Xavier Le Roy, François Chaignaud, Alessandro Sciarroni, Tino Sehgal ou Ligia Lewis xa non fan parte dun evento que, en certa forma, contrapesaba a carencia case absoluta de programación escénica internacional que padecen os escenarios galegos.

Dez anos despois, Escenas do Cambio trata de reivindicarse cunha décima edición que remexe na memoria do festival para tentar revivir o seu espírito fundacional. Na presentación do programa que tivo lugar o pasado mes de marzo, a directora artística de Escenas do cambio, Kirenia Martínez, facía fincapé, precisamente nas pezas que celebran o décimo aniversario.

Por un lado, o Manifesto poético (día 3, 21.15 horas) no que o director e programador galego Mateo Feijóo reivindica o risco e o desexo como motores creativos. Por outro, o tributo visual e sonoro creado polo dúo formado polo DJ Yuraq Walla e o artista visual Emilio Horyaans, Remix X, que estimulará a memoria individual e colectiva desta década de Escenas do Cambio a través do baile na rúa Nova de Compostela (día 4, 22.45 horas). 

Espazos intervidos

O programa subliña a capacidade das artes performativas para transformar os espazos nos que se desenvolven, con varios espectáculos que "interveñen" diferentes lugares da Cidade da Cultura para, din, "convertelos en moito máis ca un escenario".

En realidade, esta metamorfose dos espazos é unha característica que Escenas do Cambio mantivo desde o principio, dada a inexistencia dun escenario convencional dentro do complexo do Gaiás, e haberá que determinar en que casos a elección dos diferentes enclaves responde a unha vontade de actuación sobre un sitio específico e en cales opera como recurso para paliar esa lagoa.

En todo caso, a oferta inclúe espectáculos tan apetecíbeis como My neighbor sky, que o bailarín español Andrés Corchero e o xaponés Oguri pesentarán no chamado Xardín do Teatro, os días 3, e 4 e ás 17 e ás 16.30 horas respectivamente.

A galería subterránea que conecta os diferentes edificios do Gaiás será o búnker desde o cal a premiada compañía vasca La intrusa dará forma a Prusik (día 5, 21 horas), unha proposta destinada a propiciar a creación de algo novo en relación aos vínculos, á familia, ao traballo... A busca dunha nova humanidade. A compañía reúne unha rede de intérpretes constituída desde Euskadi e a Galiza,  coa participación das galegas Clara Ferrao, Marcia Vázquez, Ana Beatriz Pérez e Raquel Ferradás.

Tamén desde os túneles do Gaiás o galego David Loira estreará a provocadora Blondi (día 4, 17.30 horas) na que conecta a súa experiencia persoal como guía turístico en Berlín e nos campos de concentración nazis con episodios históricos de discriminación e odio ao diferente, para cuestionar quen somos e a que líderes seguimos.

E Rabaño sinfónico é un espectáculo ao aire libre que convida ao público a pastar con Moon Ribas (artista cíborg) e Quim Girón (acróbata), intérpretes da peza. Cada persoa do público desprázase cun altofalante, como se fose unha choca electrónica, de maneira que o son está en constante movemento grazas ao camiñar das espectadoras.

Danza, son ao vivo, performance

Let Sleeping Dogs Lie, é o espectáculo que trae Laura Aris (día 5, 19.30 horas), un solo de danza contemporánea ao redor da incomunicación e as cicatrices emocionais que os seres humanos acumulamos co tempo.

Dual (día 5, 18 horas) é a creación de danza e son en vivo coa que o estremeño Álvaro Murillo e o artista sonoro madrileño Artomático exploran as posibilidades do movemento creativo para a prevención do envellecemento motor e cerebral.

No Hall de tirantes do Museo e na Sala Eisenman, o espazo será intervido por dúas instalacións performativas. Na primeira, o portugués António Gonçalves estrea Corpo que se fai imaxe (día 3, 13 horas), unha montaxe inmersiva que reinterpreta a súa primeira performance, sobre a que indaga o ensaio Língua Bífida do profesor da Universidade do Porto Pedro Eiras, que ambos presentarán xuntos no festival (día 4, 16 horas).

A Sala Eisenman converterase en SED (día 3, 18.15), unha paisaxe de palabras coa que a canaria Raquel Ponce afonda na palabra escrita como unha rede de ideas e de imaxes que constrúen un espazo multidimensional.

Tradición, identidade, lingua

Millo Vello (día 3, 19.45 horas) é a primeira obra da novísima compañía galega Ay, Cariño!, creada por Cris Vilariño e Diego M. Buceta. O diálogo entre a tradición e a modernidade, entre o ancestral tempo dilatado e a velocidade de hoxe, centra un espectáculo que conta coa música de Rafa Mallo e a iluminación de Laura Iturralde.

Finalmente, Phōnē: International Night Galicia (día 4, 19.45) é un evento especial que, ao abeiro do proxecto europeo Phōnē (Dando ás linguas minorizadas unha voz), e en colaboración co Centro Dramático Galego mostrará parte dos espectáculos que están a producir cada un dos países integrados na rede de teatros que buscan salvagardar e promover a diversidade cultural e lingüística en Europa: o ladino do Tirol do Sur, o yiddish falado en Romanía e o irlandés.

O minimalismo de Terry Riley

Resulta especialmente atractiva a proposta do Gallaecia Ensemble Barroco (día 3, 21.15 horas), que ofrecerá a primeira interpretación sobre instrumentos antigos da partitura In C, de Terry Riley, un autentico emblema da música minimalista. Unha proposta que semella enlazar, poroutro lado, coa recuperación de pezas clásicas da escena contemporánea que iniciou o creador e primeiro director de Escenas do Cambio, Pablo Fidalgo Lareo.

Comentarios