Compostela acolle a exposición 'O Herbario de Rosalía de Castro'

A mostra, que se abriu no Real Jardín Botánico de Madrid en 2022, está a itinerar por toda a Galiza, e agora mesmo unha versión dela está no Jardín Botánico Atlántico de Xixón
Goretti Sanmartín, Anxo Angueira e María López Sandez na presentación de onte.
photo_camera Goretti Sanmartín, Anxo Angueira e María López Sandez na presentación da exposición en Cornes.

Hoxe inaugurouse na Casa das Asociacións (CSC de Cornes) a exposición O Herbario de Rosalía, unha mostra con 40 imaxes do Herbario real realizado polas profesoras María López Sández e Isabel Fraga en 2019, con fotografías de Miguel Fraga. Non se trata dun herbario científico, senón dun literario, unha homenaxe á obra rosaliana e á unión da literatura coa natureza. 

No acto participaron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; e unha das autoras da mostra, María López Sández, que ademais realizou unha visita guiada para os presentes. 

A exposición amosa 40 imaxes do Herbario divididas en cinco seccións: rosas, herbas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e outras flores, plantas e especies comestibles. Cada unha destas seccións vai acompañada dun panel explicativo no que se desenvolve a importancia desa serie na obra de Rosalía, así­ como, en xeral, o nexo entre literatura e natureza. Acompáñao un vídeo co recitado profesional dos versos de Rosalí­a e a proxección da totalidade dos pregos. 

 

Cornes e Rosalía

Anxo Angueira lembrou a importancia de Cornes e da súa antiga estación na vida e na obra de Rosalía: “é un lugar emblemático, dado que está vinculado ao seu nacemento, e é a derradeira estación que utilizou [os seus restos foron trasladados ao Panteón de Galegos Ilustres en tren]. E precisamente no poema “En Cornes” fala das paisaxes e cita numerosas plantas e flores que se recollen no Herbario”.

Esta mostra, que está a itinerar por todo o país, abreuse en 2022 no Real Jardín Botánico de Madrid. Agora mesmo unha versión da mesma está exposta no Jardín Botánico Atlántico de Xixón (ata novembro deste ano). 

En 2019 as profesoras Mª Isabel Fraga Vila e María López Sández doaron á Fundación Rosalía de Castro e á súa Casa-Museo o Herbario de Rosalía a partir da obra da autora, que consta de 150 pregos, con cadansúa planta no interior. “Trátase dunha ofrenda á autora á que tanto debemos, que nos ensinou a mirar a paisaxe galega doutra maneira, para que poida incorporarse ao discurso museístico e estea a disposición de todas aquelas persoas que se acheguen á Casa Museo”, afirmaron. 

En 2022 a Fundación Rosalía publicou o libro homónimo coa totalidade das 150 plantas, que se pode atopar en todas as librarías do Estado.

 

Comentarios