O Día de Rosalía incorpora unha campaña de promoción do libro galego

A Fundación Rosalía de Castro convida a interpretar a Alborada de Rosalía e a degustar un Caldo de Gloria o 23 de febreiro, aniversario do nacemento da poeta, e organiza ademais unha serie de actos entre os que destacan, como novidade, unha campaña de promoción do libro en galego eealizada en colaboración coa Fundación Xistral: as librarías do país agasallarán unha escolma de poemas rosalianos a todos os compradores dun libro galego desde hoxe até o 6 de marzo. 
 
Olimpio Xiráldez, a concelleira de Padrón Mariló Saco, Anxo Arca, Carlos Blanco, Valentín García e Anxo Angueira.
photo_camera Olimpio Xiráldez, a concelleira de Padrón Mariló Saco, Anxo Arca, Carlos Blanco, Valentín García e Anxo Angueira.

Unha campaña de promoción do libro galego é a gran novidade que trae este ano a celebración do Día de Rosalía. Organizada pola Fundación Rosalía de Castro e a Fundación Xistral -unha entidade que vén de nacer co obxectivo de promocionar a lingua e a cultura galega e que leva o nome da libraría que no seu día rexentou o poeta Manuel María-, esta campaña agasallará 20.000 escolmas rosalianas entre todas as persoas que merquen un libro en galego en calquera libraría do país desde hoxe, 6 de febreiro, até o vindeiro 3 de marzo. 

Celebrarmos Rosalía, é o título escollido para a breve antoloxía elaborada polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, o escritor e estudoso Anxo Angueira. Editada pola Casa de Rosalía e Xistral, foi presentada onte en Padrón,  canda toda a programación do Día de Rosalía. Nela participaron o propio Angueira; o responsábel da Fundación Xistral, Carlos Blanco; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o alcalde de Padrón, Anxo Arca; e os representantes da Asociación de Gaiteiros, Gustavo Couto e Olimpio Xiráldez. 

Como todos os anos, por outra parte, a Fundación Rosalía convida a todo o país a celebrar o Día de Rosalía lendo textos da autora, facendo un Caldo de Gloria e uníndose á Alborada para Rosalía. Ao longo de todo o país terán lugar centos de actos e iniciativas que se unirán aos actor organizados pola Fundación Rosalía en Santiago e Padrón.

 

Alborada e Caldo de Gloria  

A celebración comezará en Padrón ás 10 horas, cunha Alborada a cargo do conxunto os Carapaus, e coa lectura de poemas por parte do alumnado dos IES Camilo J. Cela e Macías o Namorado de Padrón. 

De aí, os festexos trasladaranse a Santiago, onde ás 11 horas -de novo cos Carapaus e cunha ofrenda floral na praza de Vigo, perto de onde naceu Rosalía hai 187 anos- terá lugar a Alborada para Rosalía de Castro, en colaboración coa Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas, outro dos eventos que a fundación estabeleceu como un dos fitos desta efeméride. 

Neste sentido, a fundación invita a todos os músicos do país a interpretar a Alborada de Rosalía, unha peza musical escrita pola propia poeta, para dar unha alborada e saudar así "con alegría e esperanza" o día do nacemento da escritora. 

A seguir, decorrerá, ás 12 horas, no Hostal dos Reis Católicos, na praza do Obradoiro, o acto central da xornada, onde se realizará unha lectura de poemas seguida dunha actuación dos Carapaus, da cantante Faia e do alumnado da Escola de Música de Santiago. 

Xa pola tarde, a Casa de Rosalía volverá acoller unha nova edición do Caldo de Gloria, desta vez da man da coñecida parella gastronómica e cultural de Suso do Dezaseis -responsábel do popular restaurante compostelán O Dezaseis- e a cantora Uxía.  

A partir das 19 horas, eles serán os encargados de ofrecer a sua versión do Caldo aos presentes, xunto co bolo do pote realizado por tres mulleres de Mazaricos (Esther, Angelita e Laura). En anteriores edicións elaborárono cociñeiros como Óscar Vidal,  Xoanqui Ameixeiras, Lucía Freitas, Pepe Solla, Chef Rivera ou Benigno Campos, ademais da escritora Ledicia Costas. 

Ao Caldo de Gloria xa se sumaron moitos colexios e locais hostaleiros de todo o país, e repartiranse máis de 60.000 manteis da iniciativa,  espallados por toda a xeografía galega. Este ano ademais participarán varios centros galegos no exterior, como os de Donostia, Castelló, Burgos, Alicante e Valencia. 

Desde a Fundación Rosalía de Castro repartíronse o ano pasado 46.000 manteis de papel co poema que inspirou esta iniciativa,"Miña casiña, meu lar", na que a poeta explica como facer un caldo humilde a partir da épica da supervivencia, diaria e doméstica, que protagoniza unha muller. Comezou a realizarse con éxito en 2017, cun seguimento masivo en Padrón, e en 2018 xa se converteu nun evento seguido a nivel galego. 

 

Música e tradición oral    

A continuación, e como feche da xornada, terá lugar no auditorio da Casa-Museo o concerto da cantora  Faia. Membro de The Vacas, no seu proxecto en solitario traballa arredor da música de tradición oral, coa voz como ferramenta esencial, a sonoridade do espazo e a escoita activa. Coplas transmitidas de boca a boca que buscan novas bocas, movéndose entre o íntimo, o que se di e o que se silencia. O arquivo como fonte da que beber, coa que xogar a mollarse. A memoria persoal alí onde atopa ecos na memoria de todas. A herdanza colectiva, un lugar necesario para o acubillo e para a subversión. 


 

Comentarios