En que consistirán as xornadas pedagóxicas da Rede este ano?
A educación é unha función fundamental para conseguir unha transformación social. Este ano o lema do Día Internacional dos Museos é precisamente o poder que teñen e a súa capacidade transformadora, por iso retomamos as xornadas após a pandemia. Están abertas ao profesorado mais tamén ás persoas educadoras dos museos, estudantes e ao público en xeral.
Serán catro sesións eminentemente prácticas e presenciais, sen esquecer a plataforma multicanle que creamos, con moita parte vivencial no Museo Provincial de Lugo, na Fortaleza de San Paio de Narla, en Friol; e para rematar no Pazo de Tor, en Monforte de Lemos. Contamos con artistas que realizarán obradoiros e especialistas en varios apartados museolóxicos. Avanzaremos, a maiores, a programación que temos para as escolas.
O poder da educación nos museos vai máis alá da súa función de conservación e transmisión cultural.
Nós sempre poñemos niso o foco de atención. A función dos museos é transversal. Teñen tres ámbitos moi claros. O primeiro é xerar coñecementos, todo o que ten que ver coa investigación e a conservación de testemuñas humanas. O segundo é o social, como se transmite ese coñecemento, e entraría a educación.
A terceira sería estrutural ou que precisas para cumprir esas funcións. Por este motivo nos catro museos da Rede temos un persoal estábel neste apartado. O propio Museo Provincial cando naceu, en 1932, especificou no seu regulamento o seu carácter educativo.
Moitos dos museos do Estado español e do mundo converteron o que é unha función nun servizo, privatizándose. Desta maneira perdemos continuidade e a posibilidade que temos de transmitir coñecemento, tecer lazos e crear fidelidades coa comunidade. Por este motivo traballamos as catro desigualdades: xénero, clase, discapacidade e sustentabilidade.
A educación non é unha simple visita guiada, é como está montado o museo e que relato dá, ademais de ter en conta as actividades complementarias para levar a cabo unha acción educativa completa. Estamos traballando cos propios colexios en actividades integrais, con proxectos que duran todo o ano. Xa gañamos algún premio por este motivo. A escola e o museo teñen que ir da man.
Que relato queren transmitir os museos da Rede?
O relato sempre é colocar as persoas no centro. Hai moito futuro no pasado. Cando falamos de contemporaneidade parece que falamos de ciencia ficción mais as persoas contemporáneas somos nós. Desde hoxe, mirar cara a atrás, ver de onde vimos, buscar as raíces nun modelo en que un territorio ten patrimonio traballando como unha comunidade é o modelo educativo que temos.
Moitas veces na forma de transmitir o coñecemento parece que se confunde o rigor científico co rigor mortis. Por iso, hai que pór as persoas no centro empregando códigos para que a mocidade non quede fóra, incorporando precisamente outras miradas, outras ferramentas.
Temos en conta a posta en valor. Mirar cara ao pasado con respecto, entender que moito do que vai a acontecer no futuro veu do que aconteceu no pasado. Unha das propostas que se presentarán nas xornadas é unha webserie como relato que traballamos con artistas. Un museo é un medio de comunicación con credibilidade. Xa está ben de contar exclusivamente monólogos. O noso modelo é un museo que cuestiona. O que traballamos é o espírito crítico e ter un patrimonio accesíbel.