Farruco Sesto inaugura en Vigo unha exposición que mostra a súa obra plástica

Esta sexta feira, 3 de maio, inaugurouse na sala de exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, a mostra Farruco. Arte por amor á arte. Unha rendición de contas na EMAO, que exhibe a obra plástica de Farruco Sesto, poeta, arquitecto e exministro da Venezuela de Hugo Chávez. 
Farruco Sesto na exposición (Foto: Xan Carballa).
photo_camera Farruco Sesto na exposición (Foto: Xan Carballa).

“Farruco Sesto Novás é o mellor poeta galego vivo, como case ninguén sabe". Xosé Lois Méndez Ferrín, en 1980, escribía isto no prólogo aos poemas do seu heterónimo Heriberto Bens, deixando constancia así da admiración que suscitaba un poeta máis coñecido pola súa militancia política que pola súa obra. O tempo foi poñendo as cousas no seu sitio e hoxe libros como UPG poemas, Porta aberta ou Isolda forman parte dun acervo colectivo normalizado e recoñecido.

Mais o que pouca xente coñece é a obra plástica deste arquitecto, escritor, poeta, compositor, profesor xubilado de Deseño Arquitectónico da Universidade Central de Venezuela, profesor da Escola Venezolana de Planificación, Premio Nacional de Arquitectura e membro correspondente da Real Academia Galega, entre outras cousas.

A exposición Farruco. Arte por amor á arte. Unha rendición de contas na EMAO, que se inaugurou esta sexta feira e que pode visitarse até o 24 de maio na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, é unha mostra dese labor calado: a propia definición que se dá no título, "arte por amor á arte" explica que estas obras non fosen coñecidas mais que por un selecto círculo de amigos. Son obras realizadas ao longo do tempo polo puro pracer da creación.

"Nunca quixen vivir disto", declara Farruco Sesto en conversa con Nós Diario. "Eu sempre tiven esa pulsión creativa e, na medida en que me deixaban as obrigas, cultivei distintas disciplinas artísticas, aínda que sen ambición. Como me advirte a miña muller, eu son, sobre todo, poeta, e iso pode trasladarse a outras formas de creación, pero sen falsas aspiracións".

A pulsión creativa

Arte por amor á arte é un reencontro de Sesto coa Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo: aquí estudou antes de emigrar a Venezuela cun profesor, Ángel Mareque, que non dubida en cualificar de "extraordinario".

"Na miña casa existía un ambiente creativo moi ligado á pintura. Había obras de Torres ou de Maside, e mesmo cheguei a coñecer a Laxeiro, que era amigo do meu pai", relata o que chegou a ser ministro de cultura venezolano. "Daquela a pintura era importante para a xente, non estaba tan ligada ao mercado como na actualidade, que se concibe máis como un investimento".

Na EMAO, Farruco Sesto dedicábase á ourivería e a talla en marfil. "Incluso facía pequenas virxes para vender e ter algo de diñeiro para os meus gastos".

Alí detonaron as súas inquietudes artísticas e, talvez foi na escola onde a arquitectura se apareceu -xa en Venezuela- como un camiño que conciliaba a necesidade de atopar un oficio do que vivir sen abandonar de todo esa querenza polas artes.

"E cando decidín mergullarme na política, tamén estaba esa paixón creativa: na política tamén hai unha estética, igual que na arte existe unha ética". 

Cinco etapas

A exposición -comisariada por Darío Álvarez-Basso, Federico Fernández e Alba Pardo, mestres de Pintura, Debuxo e Serigrafía artística, respectivamente, da EMAO- divídese en cinco partes. "Por un lado está a pintura acrílica, que é a que realicei nos últimos anos, desde o meu regreso a Vigo. Logo está unha sección que eu chamo 'coa cabeza noutra parte', porque son debuxos un pouco improvisados, nos que a man vai un pouco por libre, sen facerlle moito caso á cabeza. Hai unha mostra tamén de debuxos dixitais, feitos no ordenador. Están tamén os que eu chamo 'carteis da precariedade', cartaces que xurdiron da necesidade de comunicar, traballados con moi poucos medios, cando non había móbiles nin redes, e para transmitir mensaxes era necesarios saír á rúa e pegar eses pasquíns. E finalmente, hai unha sección dedicada ao mausoleo de Simón Bolívar, que é unha obra emblemática que podar unha idea do meu traballo arquitectónico. Creo que o resultado dá unha visión panorámica bastante completa do que foi a miña obra",  resume Sesto.

A pegada do Caribe detéctase no colorido enérxico destas obras porque, como di el "alí a cultura é colorida, a xente é colorida. Non podes escapar da cor daquela terra".

Mais Sesto tamén apela á arte galega cando lembra a policromía hoxe perdida do románico. "A cor que se recuperou agora no Pórtico da Gloria debía estar por todas as igrexas. É unha mágoa que todo iso se esquecese".

A Galiza, e concretamente, Vigo, é unha das paixóns do poeta, que mantén vivos recordos da súa mocidade na cidade olívica. De feito, Vigo é o motivo de moitas das obras que e expoñen agora: desde o monte Galiñeiro até a ría, pasando polo Edificio Base Buque Cablero, deseñado polo seu colega arquitecto César Portela, con quen mantén amizade desde hai anos.

"Sempre mantiven amizades na Galiza: con Portela, con Ferrín, con Alonso Montero...", lembra Farruco Sesto, que se define como unha persoa tímida. "Non frecuento círculos sociais e iso tamén condiciona a difusión da miña obra. Pero estou moi contento da recepción que teñen os meus libros nos últimos anos. A poesía require de certa intimidade tanto para escribila como para lela".

Comentarios