O festival Resis trae á Coruña unha nova obra de Soutullo

O concerto inclúe obras orixinais para a instrumentos de vento e percusión moderna.
O compositor vigués Eduardo Soutullo
photo_camera O compositor vigués Eduardo Soutullo.

O VII Festival RESIS de música contemporánea programa esta quinta feira, 9 de maio, un concerto da Banda Municipal da Coruña no Teatro Colón. A cita será ás 19.30 horas con entrada gratuíta até completar aforo.

Baixo o título de Oiseaux Exotiques, o concerto inclúe obras orixinais para a instrumentos de vento e percusión moderna, dirixidos por Juan Miguel Romero Llopis. O programa iníciase coa peza Cloud Factory, do holandés Johan de Meij, que representa a paisaxe industrial da acería da cidade de IJmuiden.

O concerto continúa coa peza Oiseaux Exotiques, do francés Olivier Messiaen, na que cobran forza os sons dos paxaros mediante o piano e os instrumentos de vento.

A segunda parte do programa inclúe a estrea no Estado de Rapsodós, do compositor galego Eduardo Soutullo. O concerto rematará coa peza Poème du feu, da francesa Ida Gotkovsky.

Tras esta cita, o programa do Festival RESIS complétase esta semana cun novo concerto o sábado 11 de maio. A Fábrica de Tabacos acollerá ás 20 horas o concerto La Fabbrica Illuminata, a cargo dos artistas Xoán Xil, Alba Cid e Adriana Aranda. 

Comentarios