Contracultura

Jorge Lamas: "Non se entende Vigo sen a burguesía, a cidade romana ou o prezo que pagamos para medrar"

Jorge Lamas, xornalista, vén de publicar 'Da calzada ao casco vello de Vigo' (Xerais), unha obra construída a través de tres percorridos pola historia, a arquitectura e a vida da cidade. 
O xornalista Jorge Lamas (Foto: Nós Diario).
photo_camera O xornalista Jorge Lamas (Foto: Nós Diario).

—Cales son os tres percorridos que presenta en Da calzada ao casco vello de Vigo?
A idea era que fose un libro que pesase pouco, fácil de levar nas mans, de maneira que se puidese consultar tanto na casa como en cada un dos percorridos. As tres rutas son os tres capítulos do libro e son moi doadas de seguir porque son practicamente liñas rectas, a excepción da última. A primeira colle as rúas García Barbón e Policarpo Sanz até chegar á Porta do Sol. A segunda, desde a metalúrxica por Rosalía de Castro e Marqués de Valladares até chegar a Carral. E a terceira é a que é un pouco máis complicada porque comprende todo O Areal así como as rúas que hai arredor da Alameda. 

O obxectivo final era pór en valor unha parte do Vigo histórico que moitas veces pasa desapercibida. Por iso, alén do contexto histórico presente no libro, no subtítulo tamén quería resaltar o tema da arquitectura, pois son rúas nas que este aspecto salienta especialmente. Neste sentido, hai dous expertos en Vigo, desgraciadamente xa falecidos, que deixaron unha gran cantidade de libros coas súas investigacións: o arquitecto Jaime Garrido e o historiador José Ramón Iglesias, ambos membros do Instituto de Estudos Vigueses. Eles son quen nos acompañarán nese percorrido arquitectónico que incluín no libro. 

—E por que estes tres percorridos en concreto?
Pola súa propia simboloxía. Comentaba antes o tema do formato, no que creo que Xerais acertou moito, e este é moi similar a Camiñar o Vigo vello, a obra de Pedro Feijoo, que precisamente podería ser un complemento a este libro porque entre os dous abranguen todo o Vigo histórico. 

No caso do primeiro percorrido, é unha mostra do éxito da burguesía viguesa, esa que se viña configurando desde mediados do século XVIII grazas ao tráfico marítimo, á pesca e, posteriormente, aos estaleiros. É precisamente o poder que tiña esa burguesía o que está presente desde o punto de vista arquitectónico. 

No segundo percorrido está tamén esa arquitectura, quizais cunha calidade lixeiramente inferior, mais ten a gran peculiaridade de amosarnos todo o que foi o Vigo romano. Nesta ruta é onde nos atopamos coa Salinae, un museo onde só hai que baixar as escaleiras para retroceder 2000 anos e ver como era o inmenso campo onde se recollía o sal para preparar a salgadura do peixe, e especialmente da sardiña, que se exportaba a outras partes do Imperio. 

O terceiro percorrido está pensado para lembrarnos o que lle debemos ao mar en Vigo, o que lle roubamos a cambio do crecemento da cidade. Hai que pensar que todo o que é a Alameda actual era mar até practicamente finais do século XIX, polo que esta ampliación da cidade supuxo tamén un soterramento importante de parte do mar. Cada unha destas rutas ten peculiaridades que a min me gusta destacar porque conforman a base da cidade que é hoxe: non se pode entender Vigo sen a burguesía nacida do mar, sen a cidade romana e sen o prezo que tivemos que pagar para crecer.  

—Alén das obras de Garrido e Iglesias, cal foi a súa documentación?
Desde hai algúns anos manteño un blogue con artigos moi pequenos dos cales case todos teñen un paso polo Arquivo Municipal de Vigo. De aí foron saíndo moitas cousas que eu descoñecía, mais unha vez que tiven claro como ía ir o libro tamén volvín certificar moitas cousas e engadindo moitas outras. 

Cando falo deste libro, eu sempre digo que debeu nacer hai 50 anos: eu nacín en Teis e ese percorrido até o centro de Vigo faciámolo case sempre a pé, vendo como se ía transformando o espazo. Así que o libro tamén recolle algunhas desas vivencias propias como, por exemplo, o cheiro tan característico que saía da fábrica de cervexa que estaba onde hoxe está o centro de empresarios de Pontevedra para que quen non viviu esa época poida facerse unha idea e para que quen si a viviu poida lembrala. 

Comentarios