O mellor mural do mundo está en Lugo

O mural de Xulio César, obra do lucense Diego AS, é elixido mellor obra de arte urbana do mundo en 2021 pola plataforma Street Art Cities.
'Xulio César', o mural de Diego AS, foi elixido mellor graffiti de 2021 (Foto: Nós Diario).
photo_camera 'Xulio César', o mural de Diego AS, foi elixido mellor graffiti de 2021.

A plataforma Street Art Cities, a maior comunidade de arte urbana do planeta, vén de presentar o artista lucense Diego AS (Anido Seijas) como gañador do premio 'Best of 2021', un galardón que elixe, a través do voto popular de xente de todo o globo, o mellor mural do ano.

"A espera terminou! Diego AS fíxose co posto número un do noso 'Best of 2021' co seu maxestoso mural de Xulio César en Lugo. Parabéns, amigo, e grazas a todas as persoas votantes", sinalou a plataforma a través dun comunicado emitido esta segunda feira.

Aliás, Street Art Cities salienta a repercusión que tivo este ano o certame, con "máis de 60.000 votos" emitidos en todo o mundo e cunha "gran presenza" nos medios de comunicación.

"Isto non é un concurso, senón unha promoción mundial da arte urbana e un tributo a todas as e os artistas que están a rachar fronteiras, coloreando as rúas, contando historias", engade a entidade.

Nunha recente entrevista concedida a Nós Diario, Diego AS apuntaba: "A nomeación é moi ilusionante e alégrome non só por min, senón tamén pola presenza que lle pode dar a Lugo e a toda a comunidade de artistas que traballa na cidade".

"Eu xa tiña fichada esa fachada desde había tempo, pero só con ese novo impulso que se lle está dando ao graffiti tiven a oportunidade de intervila. E o tema, ao estar fronte a muralla, viña dado: algo espectacular e atractivo esteticamente que lle fixese unha chiscadela a idea do imperio romano", engadira.

A obra de Diego AS, un retrato moi detallado de Xulio César, xa fora recoñecida como mellor graffiti do mundo do mes de agosto.

Comentarios