'As Neves' estréase nas salas de cine o día 10 de maio

O filme o filme quere facer unha reflexión sobre as consecuencias do uso das redes sociais
Proceso de gravación de 'As Neves' na Fonsagrada. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Proceso de gravación de 'As Neves' na Fonsagrada. (Foto: Nós Diario)

Despois do seu paso polo festival de Málaga, o vindeiro 10 de maio chega ás salas de cine As Neves, o thriller dramático adolescente escrito e dirixido por Sonia Méndez, directora de A poeta analfabeta, sobre a recentemente falecida poeta, feminista e activista galega Luz Fandiño, filme polo que recibiu o premio CREA a Mellor Dirección na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico.

Segundo a directora, co filme quería facer unha reflexión sobre as consecuencias do uso das redes sociais, mais tamén facer un retrato honesto "da mocidade que, por un lado, vive en entornos pouco comunicativos, rodeados de natureza e de silencio; e polo outro, hiperconectados, cun móbil na man que lles permite acceder a unha inxente capacidade de información procedente de todo o mundo".

A maior parte do cásting está formado por actores non profesionais. David Rodríguez é o único que tiña experiencia previa, xa que traballara na película Live is life, de Dani de la Torre. A el súmanse novos talentos galegos que debutan na película como Antía Mariño, Xacobe Bruña e Irene Rodríguez, coa colaboración especial de Lucía Veiga (Rapa) e Mela Casal.

 

Sinopse

As Neves é unha vila galega de montaña onde todos se coñecen. A noite de carnaval, un grupo de adolescentes celebra unha festa e dróganse con cogomelos por primeira vez. Ao día seguinte, espertan cun temporal de neve e a noticia de que Paula, unha das rapazas da festa, desapareceu. Mentres tanto, a vila queda incomunicada e cae internet. Cada vez é máis urxente atopala. Iníciase unha investigación que causará un profundo cambio nas súas vidas e na súa relación co mundo... 

A banda sonora de As Neves está composta por Andy Bell, o que fora baixista da xa case mítica banda do britpop dos noventa, Oasis ou, posteriormente, Hurricane e Beady Eye.

 

Comentarios