Poemas, flores e música para conmemorar o Día de Rosalía

Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, destacou que Rosalía de Castro representa a Galiza "no mundo". 
A actriz Isabel Risco e a deputada Sol Agra no Festival Rosalía (Foto: Arxina).
photo_camera A actriz Isabel Risco e a deputada Sol Agra no Festival Rosalía (Foto: Arxina).

O 23 de febreiro de 1837 nacía Rosalía de Castro en Santiago de Compostela e para conmemorar o 187 aniversario dese nacemento celebrouse un ano máis o día da autora galega máis internacional. No marco desta efeméride, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, asistiron á ofrenda floral organizada pola Fundación Rosalía de Castro na praza de Vigo, lugar onde naceu a poeta.

Na súa intervención, a alcaldesa de Santiago destacou que o 23 de febreiro "é un día grande" porque supón a "celebración dunha muller especial, rebelde, transgresora e con conciencia ecoloxista e feminista" que "reivindicou a nosa lingua e a nosa cultura" e que é esencial "para a cultura galega e para a cultura de Santiago".

Pola súa parte, Anxo Angueira destacou que Rosalía de Castro representa a Galiza "no mundo". "Rosalía é algo que nos conmove, porque o horizonte polo que camiñaba é o horizonte polo que queremos seguir camiñando", afirmou.

Tamén participaron nesta ofrenda o presidente da Xunta da Galiza ; Alfonso Rueda, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a deputada provincial de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Soledad Agra; e o alcalde de Padrón, Anxo Rei; entre outros representantes institucionais. O grupo 'Carapaus' púxolle o ramo ao acto interpretando a Alborada de Rosalía. Ao remate, a agrupación musical iniciou un desfile ata o Hostal dos Reis Católicos, onde se celebrou outro acto para conmemorar este día.

Xa pola tarde, deu inicio a VI edición do Festival Rosalía, organizado pola Deputación da Coruña en colaboración do Concello de Santiago, cun acto de inauguración no que participou a alcaldesa, e que tamén marcou a apertura da Feira de produtos con "marca Rosalía".

Pola súa parte, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebrará o seu acto central mañá ás 12 horas, no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres de Compostela, onde se lerá o manifesto escrito por Carlos Callón.

Comentarios