A primeira muiñeira con notación musical está datada en 1786

Julio Alonso Monteagudo constatou que desde o século XVII circulaba pola Península Ibérica un baile coñecido como gaita galega que sería o antecedente máis directo
Muiñeira representada no gravado que Mariano Ovejero realizou do cadro de Dionisio Fierros de 1858.
photo_camera Muiñeira representada no gravado que Mariano Ovejero realizou do cadro de Dionisio Fierros de 1858.

A muiñeira, que é tanto unha danza tradicional galega como a composición musical que a acompaña, converteuse no século XIX nun "elemento identitario" da Galiza que acompañou o rexurdir político e cultural da época, segundo comprobou Julio Alonso Monteagudo nas investigacións que lle permitiron elaborar a súa tese, Música e identidade galega. Do baile da gaita á muiñeira (S. XVII-XIX).

Alonso, que comezou a traballar no aspecto máis humano e social da música da man do antropólogo Marcial Gondar, concluíu a súa tese baixo a dirección da tamén antropóloga Nieves Herrero. Nas súas pescudas confirmou que a evolución política do provincialismo e do rexionalismo, como antecedentes do nacionalismo no século XIX, levou a unha busca de elementos que conformasen a identidade galega e á formación dun canon da música galega que se basea "nunha escolla, na recuperación da música tradicional, folclórica". É nese momento cando a muiñeira é considerada como un símbolo da Galiza.

O seu antecedente directo era "un baile chamado gaita galega", que non se interpretaba necesariamente co instrumento do mesmo nome, e que "desde o século XVII circulaba pola Península Ibérica". Alonso lembra que no século XVII son coñecidas e interpretadas "pezas populares coma as jácaras, as chaconas ou os canarios” e é a partir desa época cando os bailes cortesáns incorporan bailes populares coma eses, no caso da Galiza as pezas chamadas gaitas, que aparecen nos libros de composicións para guitarra, a cal era "o instrumento máis popular".

A popularidade da composición denominada galega fai que se incorpore tamén ás pezas teatrais, de xeito que "cando saía o personaxe galego soaba a gaita, interpretada con guitarra" e o público sabía que estaba a ver un personaxe de orixe galega, "frecuentemente un personaxe cómico, que cando sae á escena crea confusión". No ámbito relixioso a gaita galega "entra nos vilancicos, un xénero que non era só para o Nadal, tamén para as festas", aínda que neste caso o carácter cambia: "o personaxe galego pasa a ser honesto e honrado, por exemplo un pastor humilde, traballador e esforzado".

 A referencia máis antiga á muiñeira aparece "nun texto de 1745 de frei Martín Sarmiento", quen por certo compara os movementos deste baile cos que fan as galiñas e os galos, especialmente "os saltos que fan os galos"; a primeira destas composicións que puido atopar con notación musical Julio Alonso está datada no Nadal de 1786 e asínaa "o mestre de capela da Catedral compostelá Melchor López".

Desta maneira, López actúa de mediador para incorporala á música culta. A partir da publicación da Historia de Galicia de José Verea e Aguiar en 1838 xorde "o discurso que consolida a muiñeira como paradigma e referente identitario para a Galiza", apunta Alonso. Mesmo Manuel Martínez Murguía na súa Historia de Galicia publicará as primeiras transcricións con notación musical de música popular galega, que lle enviou o tamén escritor estradense Marcial Valladares Núñez, quen contaba cunha ampla formación musical. 

Comentarios