O Programa 'Cinema Sénior' promove os filmes entre as persoas maiores de 65 anos

As entradas para ver películas nas terzas feiras redúcese a 2 euros.
cinema senior 2
photo_camera Pedro Branco con participantes na iniciativa (Foto: Nós Diario)

O delegado do Goberno do Estado español na Galiza, Pedro Branco, animou esta terza feira as máis de 700.000 persoas maiores de 65 anos que viven no país a aproveitar a nova edición do Programa Cinema Sénior do Ministerio de Cultura e Deporte, que abarata as entradas a sesións de cinema nesta faixa de idade durante as terzas feiras a un custo de 2 euros.

Pedro Branco, xunto á subdelegada do Goberno español na Coruña, María Rivas, e o xerente de Cantones Cines da Coruña, Ricardo Magán, acompañou onte a un grupo de persoas con máis de 65 anos de idade á proxección dunha película.

O delegado amosou a súa confianza en que o programa deste ano, que comezou o pasado 30 de abril, aumente as cifras que obtivo na súa primeira edición, que se estendeu entre xullo e decembro do ano pasado e na que participaron 167 salas de cinema na Galiza e un total de 16.861 persoas. Este ano o programa estenderase até o mes de decembro e conta cun orzamento de 12 millóns de euros, dous máis que na pasada edición.

cinema senior 1
O delegado do Goberno, Pedro Branco, con participantes na iniciativa

O delegado do Goberno estatal na Galiza engadiu que este ano, como novidade, as entradas con desconto poderán adquirirse tanto nos despachos de billetes como por medios electrónicos e que o ano pasado o programa Cinema Sénior conseguiu incrementar de media en 49% a asistencia ás salas de cine nas terzas feiras.

Axudas ás salas de cinema

Como lembrou Pedro Branco, o programa Cinema Sénior é unha das iniciativas do Goberno do Estado español en apoio da cultura e da industria cinematográfica, entre as que tamén destacou os máis de 600.000 euros en axudas concedidas o pasado ano ás salas de exhibición de películas, das que se beneficiaron un total de 15 empresas galegas en 2023.

Comentarios