'Xeración Alfa' sae hoxe do prelo e dá inicio ao Mes da Lingua

A revista xuvenil acompaña hoxe 'Nós Diario'. PODES LER TODOS OS CONTIDOS AQUÍ.
Reportaxes, entrevistas, pasatempos, axenda... todo o contido cultural xuvenil en 'Xeración Alfa' (Foto: Nós Diario).
photo_camera Reportaxes, entrevistas, pasatempos, axenda... todo o contido cultural xuvenil en 'Xeración Alfa' (Foto: Nós Diario).

O concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez, presentou esta segunda feira a programación completa de "Maio, mes da lingua", un conxunto de actividades construídas ao redor da conmemoración do Día das Letras Galegas, entre as que se inclúen concertos musicais, espectáculos teatrais, certames orais ou presentacións culturais.

Dentro do programa ocupa un lugar especial a presentación en sociedade da nova revista xuvenil Xeración Alfa, que se entregará de balde con Nós Diario cada terza feira do mes de maio sen ningún importe adicional sobre o prezo habitual do xornal. Así, esta terza feira ve a luz o primeiro número.

Gómez explicou que a revista chegará a todo o alumnado de ensino secundario de Pontevedra, mentres que na súa presentación, que decorrerá esta terza feira no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais, ás 19.30 horas, está prevista unha mesa redonda na que participará  a directora de Nós Diario, María Obelleiro; Ana Loureiro e Rafael Ruíz, coordinadores dos catro primeiros números de Xeración Alfa; e Sara Ferro, compoñente das Fillas de Cassandra, que son entrevistadas no primeiro número.

Contidos de actualidade

As páxinas de Xeración Alfa, que sae cunha tiraxe de 6.700 exemplares, conteñen reportaxes sobre sexualidade, saúde mental, emprego das novas tecnoloxías nos videoxogos e na intelixencia artificial ou sobre o veganismo e o consumo sostíbel.

Xeración Alfa conta con fontes como Laura Veiga (Pingando.gal) ou Iria Veiga (Raíña vermella) para ilustrar estes temas e entrevistas a algunhas das figuras máis relevantes do panorama cultural galego como Fillas de Cassandra, Belén Puime, Meiga-i, Bruno Arias, Olaxonmario e moitas outras voces que se unen ás colaboracións deste proxecto para achegar á rapazada un contido en galego xuvenil e de calidade.

Ao longo das 16 páxinas de cada un dos números haberá oco tamén para os pasatempos e a axenda cultural máis fresca, chea de concertos, teatro, humor, exposicións...

PODES LER TODOS OS CONTIDOS AQUÍ.

Comentarios