Un gol de Carlos Marchena o primeiro de xullo de 2014 outorgoulle ao Deportivo, por aquel entón dirixido por Fernando Vázquez, o ascenso a Primeira División. Desde entón, case unha década atrás, a parroquia deportivista sofre os malos resultados dun equipo que desde 2020 pena polos infernos dunha terceira categoría do fútbol masculino estatal que, esta vez si, podería abandonar o próximo domingo, día 12 de maio.
Disque non hai mal que cen anos dure, pero nun deporte tan intenso como o fútbol dez anos son toda unha vida. Ese é o período de tempo que pasou desde que o Real Club Deportivo da Coruña non outorga unha alegría á súa afección até a actualidade, cando os Lucas Pérez, Yeremay, Mella e compañía están a piques de certificar o ascenso de categoría.
Porque grazas á vitoria in extremis esta pasada fin de semana fronte o Sestao (0-1) o conxunto herculino depende de si mesmo para fechar o ascenso directo á Segunda División.
As contas están claras: con catro puntos de vantaxe sobre o seu inmediato perseguidor, o Fútbol Club Barcelona B, cando restan tan só nove por disputar, subirá se consegue facerse cos tres puntos no choque que enfrontará ambos os equipos en Riazor o domingo 12 de maio ás 19 horas.
Non obstante, a privilexiada situación herculina permitiríalle afrontar con optimismo as últimas dúas xornadas de campionato incluso non certificando o obxectivo contra o Barça B.
A razón é que un cálculo estatístico xerando múltiples escenarios aleateorios -cunha combinación de até 100.000 simulacións posíbeis- mostra que a probabilidade de que o Deportivo conclúa a tempada 2023/24 en primeira posición, e, polo tanto, consiga o ascenso directo, é a día de hoxe de 84,95%.
O Celta, a un paso da permanencia
Se na Coruña as contas do ascenso están claras, en Vigo a situación é un pouco máis complexa, mais tamén doada para os intereses celestes.
A vitoria do domingo sobre o Vilarreal (3-2) deixou a escuadra olívica con pé e medio na Primeira División durante outra tempada, aínda que, a diferenza do que acontece co Deportivo, os números son máis complicados, dado que na máxima categoría aínda restan catro datas por disputar.
Con todo, e empregando o mesmo método que nas contas do ascenso do seu eterno rival, a simulación Montecarlo, o Celta obtería lograría salvarse en 70% dos 100.000 escenarios simulados, algo no que inflúe de forma fundamental o colchón de oito puntos de vantaxe sobre o Cádiz, conxunto que marca o descenso.
Pese a iso, e como destacou o capitán e emblema vigués, Iago Aspas, aínda resta o esprinte final: "Os tres puntos do Vilarreal outorgáronos confianza para encarar os catro partidos que temos por diante. Sabemos que o obxectivo está máis preto e, xogando como o estamos a facer, conseguirémolo".