O Básquet A Coruña, a un paso do ascenso á ACB

Bástalle cun triunfo hoxe sobre o Melilla Sport.
Os integrantes do conxunto laranxa, antes de pór rumbo a África. (Foto: Básquet A Coruña).
photo_camera Os integrantes do conxunto laranxa, antes de pór rumbo a África. (Foto: Básquet A Coruña).

Chegou o día. O Leyma Básquet A Coruña ten esta sexta feira a oportunidade de certificar o ascenso á Liga ACB, a máxima categoría do baloncesto estatal, por primeira vez na súa historia. A entidade, fundada en 1996, ficou a un paso de logralo en varias ocasións ao longo dos últimos anos, mais nunca o tivo tan ben como agora.

Porque o Leyma depende de si mesmo para rematar a tempada da LEB Ouro na primeira posición, a única que outorga directamente un boleto para ACB sen pasar pola lotería dos play-off. 

Iso significa que vencendo o Melilla Sport Capital no encontro que enfrontará ambos os conxuntos no Pavillón de Deportes Javier Imbroda ás 21 horas fechará definitivamente un ascenso ao que tamén aspira Longevida San Pablo Burgos, que cunha vitoria menos que os herculinos (26) precisa vencer o Alacante e un tropezo galego para arrebatarlle o liderado da competición.

Quen mellor definiu o escenario que encara o Básquet A Coruña foi o seu adestrador, Diego Epifanio, manifestando que para eles só hai dúas opcións: "Ou moita alegría ou unha hostión tremendo".

"Non dependemos doutros resultados, e gañar en Melilla será un reto difícil, pero creo que hai sensacións distintas a outras situacións anteriores. Por iso, debemos ser quen de xestionar ben a situación, os nervios e a ansiedade na toma de decisións", engadiu o preparador coruñés.

A maiores, tamén baixará o pano da tempada para o outro representante galego na categoría de prata, o Club Ourense Baloncesto (COB), que con independencia do que aconteza no seu duelo co Guuk Gipuzkoa (hoxe, 21 horas) estará o próximo ano nunha LEB Ouro na que seguirá contando co xamaiquino Romaro Gill, logo de confirmar onte a extensión do seu contrato até 2026.

O Breogán pode fechar a permanencia na elite

Nesa ACB á que quere subir o Leyma milita un Leite Río Breogán que podería fechar hoxe mesmo a súa continuidade durante un ano máis. Para iso, os pupilos de Veljko Mršić necesitan imporse a Morabanc Andorra ás 20 horas da sexta feira  no Pazo Provincial. Non obstante, incluso perdendo poderían salvarse se tamén cae co Zaragoza outro equipo implicado na batalla pola salvación, o Granada.

Comentarios