A primeira fin de semana de ciclocrós internacional na Galiza completouse en Marín. Ao día seguinte do Cidade de Pontevedra, o XaxanCX puxo de novo puntos UCI en xogo, neste caso nun evento de categoría C2, e os dous triunfos nas probas Elite Sub-23 asináronos deportistas de fóra. A belga Laura Verdonshot e o neerlandés Ryan Kamp subiron ao máis alto dun podio no que a ponteareá Uxía Soto (Supermercados Froiz) quedou terceira na carreira júnior.
A campioa de España elite Lucía González (Nesta-MMR) non puido repetir vitoria e no evento organizado polo XSM no circuíto de Chan de Gagán tivo que conformarse coa segunda posición. A asturiana, 24 horas despois de ter gañado na Illa das Esculturas, veuse sorprendida por Verdonshot. A belga decantou ao seu favor un emocionante man a man e coa terceira praza fíxose Sofía Rodríguez (Nesta-MMR).
Ás portas de ter sumado puntos UCI quedou Irene Trabazo (XSM). A elite marinense clasificouse undécima e sendo anfitrioa foi a mellor entre as galegas. Laura Mira (Supermercados Froiz) foi 17ª na táboa xeral e a 8ª entre as Sub-23.
A carreira Elite Sub-23 masculina tivo de novo como dominador a Ryan Kamp. A novidade respecto ao acontecido na véspera en Pontevedra estivo no segundo posto. O cántabro Kevin Suárez (Nesta-MMR) superou ao campión estatal Felipe Orts (Burgos-BH).
Pola representación galega, o elite Iván Feijoo obtivo a 12ª posición, Anxo Carril (Coruxo) finalizou 14º -oitavo entre os Sub-23-, e Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz) concluíu 16º -décimo entre os Sub-23-.
Júniors, cadetes e másters
O mellor resultado galego da xornada nas probas de clase UCI C2 protagonizouno Uxía Soto que entrou terceira tras as italianas Valentina Corvo e Federica Venturelli. Na masculina, Tomás Pombo (Padronés-Cortizo) quedou décimo.
Nas competicións cadetes e másters, Lorena Patiño (XSM) encabezou a tripla galega nas rapazas cadetes. A líder da Copa de España compartiu podio con Iris Fernández (Academia Postal-Maceda), segunda, e Alba Gregores (Ponteareas), terceira. Pola súa parte, Xian Alvariño (Ponteareas) logrou a terceira posición nos cadetes masculinos, por detrás do cántabro Raúl López e do gañador, o valenciano Eric Igual.
As carreiras másters deixaron dúas vitorias galegas. Martin Buba (Coruxo) nos máster-40 e Manuel González Ojea (Bici O Con) na categoría máster-60.