Parlamento

O Bloque reclama no Parlamento a oficialidade das seleccións galegas: "Represéntannos como pobo"

O grupo tamén esixe a volta da Irmandiña feminina.
O deputado do BNG Iago Suárez. (Foto: BNG).
photo_camera O deputado do BNG Iago Suárez. (Foto: BNG).

O Bloque Nacionalista Galego (BNG), a través do deputado Iago Suárez, reclamou esta cuarta feira no Parlamento o apoio da Xunta da Galiza ao recoñecemento oficial da selección galega de fútbol para a súa participación en competicións internacionais, ao mesmo nivel que outras nacións sen estado, como Gales, Escocia ou as Illas Feroe. 

"As nosas seleccións deportivas represéntannos como pobo, alimentan o sentir e o orgullo de pertenza a unha colectividade e, ademais, afianzan a identidade colectiva e contribúen á cohesión social galega", xustificou.

En pregunta ao secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, Suárez reclamou, ademais, un calendario "estábel" de competicións para a Irmandiña de fútbol -lembrando que o próximo 31 de maio terá lugar o seu primeiro encontro en oito anos- e a fin do "atraso histórico" que supón que coa selección de fútbol masculina non volvese tamén a feminina.

Na súa resposta, Lete Lasa, explicou que a Xunta apoia "rotundamente" as seleccións autonómicas, "técnica e financeiramente", mais especificou salientando que as competencias recaen "nas respectivas federacións deportivas" e que a cuestión sobre a oficialidade debería remitirse "ao secretario de Estado" do ramo, non a el.

O deputado do BNG que formulou a cuestión, interrogado por Nós Diario, valorou as declaracións do secretario xeral para o Deporte cun "moi insuficiente". "Limitouse a facer propaganda", apostilou.

A RFGF crea unha Comisión Antiviolencia

A Real Federación Galega de Fútbol, "unha vez acreditado un incremento dos casos de violencia verbal e física nos campos de fútbol na Galiza nos últimos meses", anunciou a creación dunha comisión de traballo que se reunirá no mes de xuño.

Comentarios