O Celta feminino denominarase 'As Celtas'

A escuadra celeste presenta á sociedade na Madroa a súa nova sección.
Presentación das Celtas (Foto: RC Celta).
photo_camera Presentación das Celtas (Foto: RC Celta).

O campo de fútbol da Madroa, no que durante tantos anos adestrou o Real Club Celta de Vigo masculino, foi o escenario de excepción escollido pola escuadra viguesa para presentar á sociedade a súa nova sección feminina.

Até alí desprazáronse as caras máis visíbeis da estrutura celeste: a presidenta, Marián Mouriño; o director de fútbol, Marco Garcés; e o adestrador do primeiro equipo, Claudio Giráldez. Ademais, non faltaron futbolistas e membros do corpo técnico tanto dos conxuntos de elite como dos de base; lendas como Sergio Álvarez, Manolo 'O Gran Capitán' ou Milorad Ratković; representantes políticos das distintas formacións presentes no consistorio olívico ou o presidente da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF), Rafael Louzán.

Con todo, as grandes protagonistas dun acto conducido pola presentadora Noelia Rey e para o cal o club habilitou autobuses desde Balaídos para que puidesen asistir todas as seareiras e seareiros que así o desexasen -aínda que non retransmitiu o evento a través da súa canle oficial de Youtube, o que xerou críticas nas redes sociais- foron as xogadoras da Unión Deportiva Mos, que a partir da vindeira tempada formará parte do Real Club Celta e militará na Terceira Federación. 

Despois dunha breve actuación musical a cargo de Lil Kids, e a través dun vídeo, Marco Garcés comprometeuse a "brindarlle" ao novo Celta feminino "as oportunidades e os recursos necesarios para que as futbolistas acaden a súa máxima competitividade", prometendo "crear un impacto positivo na sociedade" ao "ofrecer oportunidades a centos de nenas e mozas que soñan con ser futbolistas".

Pola súa parte, Marián Mouriño confirmou que o seu nome oficial será "As Celtas" e que de agora en diante competirán no campo da Madroa, que será reformado.

Comentarios