Xustiza

Rubiales, a xuízo polo bico non consentido a Jenni Hermoso

Deberá prestar 65.000 euros de fianza pola agresión e outros 65.000 de forma conxunta cos outros tres acusados, Albert Luque, Jorge Vilda e Rubén Rivera.
O presidente suspendido da RFEF, Luis Rubiales, nunha rolda de prensa. (Foto: AFP7 / Europa Press)
photo_camera O ex presidente da RFEF, Luis Rubiales, nunha rolda de prensa. (Foto: AFP7 / Europa Press)

O xuíz da Audiencia Nacional Francisco de Jorge acordou a apertura de xuízo oral contra o expresidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) Luis Rubiales polo bico non consentido á xogadora de fútbol Jennifer Hermoso, así como contra o ex seleccionador feminino Jorge Vilda, o actual director deportivo da selección, Albert Luque, e o que fora responsábel de Marketing Rubén Rivera polas presuntas coaccións á futbolista.

Nun auto coñecido esta cuarta feira, o titular do Xulgado Central de Instrución Número 1 dá 24 horas a Rubiales para que, en concepto de responsabilidade civil no caso de que fose condenado, abone unha fianza de 65.000 euros polo delito de agresión sexual. Deberá abonar a mesma cantidade de forma conxunta solidaria xunto aos outros tres acusados polo delito de coaccións.

A resolución, que non é recurríbel, sinala ao Xulgado Central do Penal da Audiencia Nacional como o encargado do axuizamento deste procedemento en virtude das penas solicitadas polas acusacións e dá un prazo de dez días aos investigados para que presenten os seus escritos de defensa.

Cabe lembrar que a Fiscalía da Audiencia Nacional pide condenar a 2 anos e 6 meses a Rubiales: 1 ano de prisión por un delito de agresión sexual e 1 ano e 6 meses por un delito de coaccións en concepto de autor. O Ministerio Público, ademais, tamén pide á Audiencia Nacional que condene a 1 ano e 6 meses de cárcere por un delito de coaccións a Vilda, Luque e Rivera.

O bico "non foi consentido"

Foi o pasado mes de xaneiro cando o xuíz da Audiencia Nacional Francisco de Jorge propuxo xulgar Rubiales ao considerar que o bico á xogadora "non foi consentido" e que o ex dirixente actuou de forma "unilateral e sorpresiva". O maxistrado, en concreto, aseguraba na súa resolución que "as presións ás que se someteu á xogadora crearon" na futbolista da selección feminina "unha situación de ansiedade e intenso estrés".

Ademais da Rubiales, o maxistrado tamén propuxo enviar ao banco a Luque, Vilda e a Rivera polas presións posteriores ás que se someteu á xogadora para que accedese a realizar unha manifestación pública afirmando que o bico fora consentido.

O xuíz afirmaba que existiu "unha acción concertada dos tres" procesados acordada con Rubiales "para dobregar a vontade de Hermoso e conseguir que accedese a gravar un vídeo no que dixese que o bico fora consentido".

Comentarios