ciclismo

A Volta Ciclista da Alameda leva o deporte ás festas da Ascensión

O evento reunirá 250 corredores e corredoras na capital galega.
Pilar Lueiro e Abel Gómez, onte na presentación da carreira. (Foto: Concello de Santiago).
photo_camera Pilar Lueiro e Abel Gómez, esta cuarta feira na presentación da carreira. (Foto: Concello de Santiago).

Un ano máis volve unha cita deportiva tradicional dentro das Festas da Ascensión de Santiago de Compostela, a Volta Ciclista polas inmediacións da Alameda, que congregará máis de 250 ciclistas masculinos e femininos na que será a súa vixésimo terceira edición.

Programada ás 10 horas do 12 de maio na contorna do parque que lle dá nome, o Concello capitalino confirmou que tanto a liña de saída como a de meta estarán instaladas na avenida de Xoán Carlos I.

A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, salientou durante un acto de presentación no que estivo acompañada por Abel Gómez, presidente do Club Ciclista Compostelano, que se trata dunha "boa oportunidade para ver bo ciclismo e seguir apostando pola actividade física no marco das festas da Ascensión", ademais dunha cita que "forma parte da memoria colectiva dos composteláns e compostelás".

Lueiro, a maiores, convidou a cidadanía a "animar e gozar desta carreira", reafirmando o "compromiso" do Goberno local co deporte como "manifestación de goce colectivo que casa moi ben coas festas".

Con respecto ao percorrido, a Volta Ciclista da Alameda contará cun tramo de 300 metros de pedra, preto do cruceiro do Galo, que garantirá "maior espectacularidade e dureza" aos e ás participantes, que estarán distribuídos segundo as súas idades nas categorías promesas -que deberán completar media volta ao circuíto-, principiantes -unha volta-, alevín -catro voltas-, infantil -oito voltas-, cadete -15 voltas-, júnior e elite/Sub-23, que realizarán 20 voltas.

Tres galegos optan ao triunfo na Copa de España

Cambiando o ciclismo de estrada polo de montaña, o domingo 19 de maio a Montefaro Enduro Race resolverá as clasificacións xerais da Copa de España de Enduro, e tres riders galegos presentaranse na quinta e derradeira cita do calendario á fronte das súas respectivas categorías. 

Trátase do elite Marco Veiga (Ciclos Quintena), o Sub-23 David Fernández (Avanza-O Porriño) e o máster-40 Pedro Dapena (Ciclos Quintena), que conservaron as camisolas de líderes a pasada fin de semana na Súper Enduro Arfa, aínda que só un deles pisou o caixón na provincia de Lleida.

Comentarios