BBVA lanza unha OPA hostil sobre o 100% de Banco Sabadell, que reitera o seu 'non'

Esta oferta supón valorar o Sabadell nuns 11.000 millóns de euros e, á súa vez, implica elevar a 2,2 euros o valor da acción no banco catalán, que considera "infravalorado significativamente" o seu proxecto e perspectivas de crecemento como entidade independente.
Sede do BBVA en Madrid. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera Sede do BBVA en Madrid. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

O consello de administración de BBVA decidiu formular unha oferta pública de adquisición (OPA) de carácter hostil sobre o 100% das accións de Banco Sabadell tras o rexeitamento desta entidade a unha proposta de carácter amigábel, na que ofrece unha contraprestación dunha acción nova por cada 4,83 do Sabadell, segundo informou a entidade á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), cunha prima de 30% sobre o valor ao que cotizaba Sabadell o pasado 29 de abril.

Esta oferta supón valorar o Sabadell nuns 11.000 millóns de euros e, á súa vez, implica elevar a 2,2 euros o valor da acción no banco catalán. Seguindo este troco, BBVA estaba disposto a realizar unha emisión de accións de 1.126 millóns de euros, que representa 20% da súa capitalización bolsista.

O consello de BBVA acordou igualmente a convocatoria da súa xunta xeral de accionistas para decidir a respecto da emisión das novas accións na contía necesaria para atender integramente o troco. A adquisición por parte de BBVA do control do Sabadell está suxeita ao deber de notificación previa ao Banco de España e á obtención da non oposición por parte do Banco Central Europeo.

BBVA estima que fechar a OPA hostil levaría entre seis e oito meses, unha vez obtidas as autorizacións necesarias. Segundo explicou o conselleiro delegado do banco, Onur Genç, nunha comparecencia ante analistas, solicitar as autorizacións necesarias e realizar a xunta de accionistas levaría uns seis meses. A partir de aí, o banco lanzaría propiamente a OPA sobre Sabadell, que se estendería un máximo de 70 días.

A oferta está condicionada a obter máis de 50,01% do capital do Sabadell, á aprobación da ampliación de capital necesaria por parte da xunta de accionistas de BBVA e á aprobación da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), así como ao supervisor prudencial de Reino Unido, onde Sabadell opera coa filial TSB.

Tamén necesitará a autorización das autoridades de defensa da competencia dos EUA, México e Portugal e notificaraa, de forma voluntaria, ás autoridades de competencia de Reino Unido. BBVA realizará as peticións destas autorizacións ás autoridades de competencia "tan cedo como sexa posíbel", tras o anuncio de hoxe.

Sabadell non se move do 'non'

Banco Sabadell reiterou o seu rexeitamento á OPA hostil formulada por BBVA sobre o 100% das súas accións, idéntica á proposta presentada hai unha semana, e remitiuse á súa comunicación da pasada segunda feira, cando xa descartaba a operación por considerar que "infravalora significativamente" o proxecto de Sabadell e as súas perspectivas de crecemento como entidade independente.

Fontes do banco de orixe catalá citadas pola axencia Europa Press remítense ao comunicado do pasado día 6, cando o consello de administración rexeitou de forma tallante a oferta que BBVA para fusionar ambas as entidades ao considerar que o Banco Sabadell xerará máis valor en solitario.

"O consello confía plenamente na estratexia de crecemento de Banco Sabadell e nos seus obxectivos financeiros e é da opinión de que a súa estratexia como entidade independente xerará un maior valor para os seus accionistas", destacou entón a entidade, cuxo máximo órgano de goberno mantivo na segunda feira un encontro para avaliar a proposta de BBVA, que tachou de "non solicitada, indicativa e condicionada" e advertiu que a caída "significativa" e a volatilidade no prezo da acción de BBVA nos últimos días xeraba unha "incerteza adicional" sobre o valor da proposta.

Tras analizar "en detalle" a proposta, o consello, ao que acudiron tamén representantes de Goldman Sachs e Morgan Stanley como asesores financeiros e de Uría Menéndez Avogados como asesor xurídico, concluíu que a oferta de BBVA "non satisfai" o interese de Sabadell e dos seus accionistas e, por tanto, rexeitou a proposta de BBVA.

O consello considerou que o rexeitamento, ademais, está "aliñado" co interese dos clientes e empregados de Sabadell, e reiterou o seu compromiso de distribuír aos accionistas, de maneira recorrente, calquera exceso de capital por riba do 13% de ratio de capital CET1, en liña coa súa estratexia de crear valor para o accionista, apoiada polo plan de negocio do banco e pola sólida xeración de capital.

Sabadell estimou entón que o exceso de capital que xerará en 2024 e 2025, xunto cos dividendos recorrentes deste período, de acordo cun cumprimento "satisfactorio" do plan de negocio actual, ascenderá a 2.400 millóns de euros, parte de cal pode estar suxeito a aprobación do supervisor.

Non é a primeira vez que ambos os bancos teñen esta operación sobre a mesa. Xa en 2020, BBVA e Sabadell estudaron unha fusión, aínda que finalmente acabárona desestimando porque non alcanzaron un acordo sobre a ecuación de troco das accións.

Comentarios