Carmen Martínez, investigadora do CSIC: "Dispomos do necesario para ter a DO de Aceite da Galiza"

Carmen Martínez é xefa do grupo de viticultura da Misión Biolóxica da Galiza e do Grupo Operativo “Oliveiras da Galiza” que o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) vén de pór en marcha para multiplicar este cultivo no país. Está convencida de que as variedades autóctonas galegas van producir "un aceite único e de calidade".
Carmen Martínez, xefa do Grupo Operativo 'Oliveiras da Galiza' (Foto: Nós Diario).
photo_camera Carmen Martínez, xefa do Grupo Operativo 'Oliveiras da Galiza' (Foto: Nós Diario).

—Cantas plantacións de oliveiras existen xa na Galiza?
Non hai moitas porque o proceso de multiplicación é lento, é unha leñosa que ten que converterse en árbore. Até o de agora estabamos multiplicando por escallo pero é un proceso lento. Por iso este Grupo Operativo que vimos de iniciar busca pór a punto un método de multiplicación, xa non só de escallos, senón mediante propagación in vitro. Iso permitirá obter 30.000 ou 40.000 plantas nun ano e suplir a enorme demanda que existe.

—Que calidade ten o aceite galego que hai agora no mercado?
O que se produce agora mesmo é unha mestura de todo o que hai. Moitos produtores que teñen arbequina, como Aceites Abril. Poucos teñen aceites 100% autóctonos monovarietais, excepto os de Ouro de Quiroga, porque empezaron con todas as árbores antigas e fan aceite a partir desas oliveiras autóctonas. Pero aceite monovarietal a partir de brava galega ou de mansa galega aínda non hai. Agardamos que o haxa pronto, pois o fundamental é dispor de plantas suficientes para abastecer a toda a demanda, que a hai e moita.

—Cales serían as zonas da Galiza mellores para pór oliveiras?
Nos últimos anos percorremos Galiza enteira. Comezamos en 2012 e o proceso é lento, pero hai moito interese na xente. Estivemos marcando oliveiras centenarias en Quiroga, tamén en Verín, Monterrei, en moitas zonas de Ourense, na zona do Ulla perto de Compostela, na zona de Vigo, Nigrán, Tui e no Ribeiro. Hai oliveiras por toda Galiza, as zonas máis importantes están en Ourense, na comarca de Pontevedra, na Estrada, pero o certo é que temos oliveiras até en Ortigueira. 

—No país foron moi abundantes as oliveiras, que é o que pasou?
Hai pouco escrito pero a referencia histórica que temos é que na Idade Media había unha grande extensión de oliveiras na Galiza. Ao parecer foi o Conde Duque de Olivares que tiña posesións en Andalucía e Estremadura o que puxo un imposto sobre cada oliveira, polo que a xente comezou a cortalas e, en moitos casos, a plantar viña. Na zona de Quiroga ves bosques e polo medio oliveiras centenarias, con estruturas de antigos oliveirais despois repoboados con outras especies. Hai referencias bibliográficas de 1513 de que na Galiza había oliveiras, e nós atopamos varias que teñen entre 300 e 400 anos.

—Cal é o potencial da Galiza coas oliveiras e a produción de aceite?
Nun territorio non moi grande temos moita variedade de climas, de tipos de terreo e de variedades. O produto é de gran calidade. Eu que tiven a sorte de vivir o renacemento da viticultura na Galiza en 1986, un sector que hoxe é un dos piares da economía agraria da Galiza. Co aceito coido que se pode repetir a historia. Temos as condicións mesmo para ter unha Denominación de Orixe Aceites da Galiza, variedades únicas no mundo, territorios diferentes ao resto de zonas oliveirais, unha historia detrás. Temos todos os ingredientes para pedir unha DO e que a concedan.

—Até onde chega o interese da xente por estas plantacións?
Todas as semanas recibo chamadas de xente de Madrid, Barcelona ou mesmo galegos residentes en Alemaña explicando que teñen fincas herdadas no país e que queren plantar oliveiras. Isto é algo sinxelo de xestionar, non require tanto coidado como outras plantacións. Desde a Misión Biolóxica da Galiza vemos este interese como unha alternativa para moitas zonas despoboadas. Se é rendíbel pode axudar a ofrecer algo distinto para esas rexións, como fixeron as vides .


O aceite galego segue os pasos do viño

A bióloga do CSIC Carmen Martínez viviu en 1896, ao comezo da súa carreira investigadora, o boom do viño galego e até chegar ao seu actual prestixio internacional. Está convencida de que, coa produción de aceite, Galiza pode seguir o mesmo camiño. “Vexo que pode dar froito e ademais xogamos co factor sorpresa, Aceite da Galiza”. Xa hai identificadas 20 variedades de oliveiras no país, e 11 delas teñen nome. “Queremos que ver os nomes das variedades nunha botella de aceite traslade a calquera á Galiza”. Brétema, carapucho, carmeliña, folgueira, maruxiña, susiña, hedreira, xoana e santiagueira son algunhas das nomeadas até o de agora. Galiza conta con catro lagares aos que pequenos produtores acoden para prensar e embotellar. Carme Martínez afirma que “é máis sinxelo e máis económico que no caso do viño”.

Comentarios