Teresa Táboas súmase á Fundación Paideia de Sandra Ortega

A ex conselleira nacionalista de Vivenda e arquitecta incorpórase como vogal ao padroado da fundación presidida pola filla de Amancio Ortega, segundo Economía Digital.

Teresa Táboas, retratada na cidade de Pontevedra. (Foto: Xaquín Soliño)
photo_camera Teresa Táboas, retratada na cidade de Pontevedra. (Foto: Xaquín Soliño)

Teresa Táboas, conselleira de Vivenda durante o Goberno de coalición entre PSdeG e o BNG (2005-2009) incorpórase á Fundación Paideia, segundo Economía Digital, a organización fundada no seu día por Rosalía Mera e presidida hoxe pola súa filla, Sandra Ortega, filla á súa vez do fundador de Inditex, Amancio Ortega.

Teresa Táboas, doutora en Arquitectura e profesora universitaria, é actualmente vicepresidenta da Unión Internacional de Arquitectos (UIA), e foi a conselleira nacionalista que pulou por outro modelo de urbanismo e de política de vivenda desde o ‘bipartito’.

En calidade de vogal, informa Economía Digital, Táboas será un dos sete membros do padroado da fundación presidida por Sandra Ortega e que ten como vicepresidente  Guillermo Vergara Muñoz, director de Proxectos da Fundación Paideia.

Os vínculos entre Sandra Ortega e Teresa Táboas non son novos.  Ambas as dúas crearon en 2021 Sementares, unha empresa con base en Poio que ten por obxecto social a “conservación, selección, clonación e multiplicación de plantas e sementes”.

Teresa Táboas mantén unha intensa actividade profesional relacionada co mundo da arquitectura e desde o ano pasado é vicepresidenta da UIA, unha organización que agrupa aos arquitectos colexiados de máis de 120 países.

Táboas estivo relativamente afastada da política estes anos. Con todo, o pasado mes de novembro, e coa mirada posta na convocatoria electoral de febreiro, o BNG de Ana Pontón incorporou Táboas e o tamén ex conselleiro do Goberno bipartito Suárez Canal entre o grupo de expertos para elaborar o seu programa electoral.

Comentarios