Pedro Sánchez confirmará hoxe se continúa ou dimite

Os seus socios apuntan a unha cuestión de confianza.
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e a súa muller, Begoña Gómez (Foto: Álex Cámara / Europa Press).
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e a súa muller, Begoña Gómez (Foto: Álex Cámara / Europa Press).

O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, anunciará esta segunda feira, 29 de abril, a decisión final sobre a súa continuidade, despois de que decidise apartarse durante cinco días a reflexionar, un parón inédito para un gobernante.

O PSOE, mentres, espera pola decisión que tome o tamén secretario xeral dos socialistas, e o seu círculo máis próximo admite que non sabe que acontecerá. En todo caso, sinalan que Sánchez decidirá desde o plano persoal, unicamente xunto á súa dona, Begoña Gómez.

Por tanto, con Sánchez encerrado na Moncloa e con escaso contacto cos seus colaboradores desde hai días, desde a dirección socialista esfórzanse en enviar mensaxes públicas e "enerxía positiva", segundo a definiu a vicepresidenta e vicesecretaria xeral do PSOE, María Jesús Montero, para convencerlle de que quede.

Sánchez non ve aos seus ministros desde o mércores, cando publicou por sorpresa unha carta dirixida á cidadanía na que anunciaba que despexaba a súa axenda pública durante uns días para reflexionar sobre se merece a pena continuar á fronte do Goberno. No mesmo texto sinalaba que esta segunda feira comparecería ante os medios para comunicar a súa decisión.

A denuncia contra Begoña Gómez, detonante da crise

O detonante desta crise foi a denuncia presentada pola organización Manos Limpias contra a dona de Sánchez por presunto tráfico de influencias e corrupción nos negocios, debido ás súas relacións con empresas que recibiron fondos públicos.

Despois, un xuíz de Madrid abriu dilixencias previas por mor desa denuncia e Sánchez saíu ao paso na sesión de control ao Goberno. Sen que ninguén lle preguntase expresamente por ese asunto, dixo: "Nun día como hoxe e coas noticias que coñecín, a pesar de todo, sigo crendo na Xustiza do meu país, na súa autonomía e na súa independencia". Horas despois, esa mesma tarde, publicou a carta na súa conta de ‘X’ (antigo Twitter).

No texto denunciou unha campaña contra el e a súa contorna que leva meses perpetrándose e sinalou directamente aos líderes de PP e Vox, Alberto Núñez Feixoo e Santiago Abascal, a quen acusa de "sobreactuar". "Neste atropelo tan grave como basto, ambos son colaboradores necesarios xunto a unha galaxia dixital ultradereitista e a organización Manos Limpias", sinalou.

Os socios apuntan a unha cuestión de confianza

As mensaxes de apoio seguiron este domingo co ministro de Transportes e Movilidad Sostíbel, Óscar Puente, á cabeza, quen afirmou que Sánchez é "o puto amo" e conseguiu que a economía siga unha boa senda e que España teña "máis influencia en Europa e no mundo". Ademais, acusou a Feixoo de estar detrás da estratexia para socavar a vida persoal do presidente.

Se Sánchez decide seguir, podería convocar unha cuestión de confianza no Congreso dos Deputados, unha opción que os seus socios parlamentarios apuntaron como a máis recomendábel para saír desta crise. Algúns deles, como ERC e Bildu, mesmo suxeriron que votarían a favor.

Comentarios