Poucos días despois de transcender que a farmacéutica privada AstraZeneca, con sede no Reino Unido, admitiu diante da Xustiza británica que a súa vacina contra a Covid-19 pode provocar tromboses, medios internacionais recolleron a cuarta feira que a compañía decidiu retirar o composto en todo o mundo.
A empresa insistiu en que se trata dunha decisión comercial ao ter sido a vacina substituída por outras especializadas nas distintas variantes do coronavirus. No que atinxe á Unión Europea (UE), AstraZeneca solicitou ao Executivo o 5 de marzo a retirada da autorización para comercializar o produto, o que se fixo efectivo a terza feira. Nos vindeiros meses, prevé replicar esta demanda no resto de Estados que aprobaron a súa venda.
Sobre a denuncia de vítimas ou familiares de vítimas dos efectos secundarios do composto, o equipo legal que as defende sostivo que a vacina non é tan segura como as e os usuarios tiñan dereito a agardar. Kate Scott, cuxa parella padeceu lesións cerebrais permanentes logo da inxección, cuestionou que a decisión teña motivacións comerciais.