Pedro Sánchez decide seguir como presidente e non dimitirá

O presidente español anuncia desde a Moncloa que continúa no cargo, "con máis forza se cabe", e agradece as mobilizacións e mostras de apoio destes días.
Comparecencia do presidente Pedro Sánchez na Moncloa.
photo_camera Comparecencia do presidente Pedro Sánchez na Moncloa (Foto: Moncloa)

Pedro Sánchez decide seguir e non dimitirá. Así o vén de anunciar desde as escaleiras da Moncloa, onde compareceu para ler unha declaración institucional. Sánchez anunciou que fica como presidente do Goberno español, tras un período de cinco días de reflexión sobre a súa continuidade no posto por mor da “campaña de acoso” contra a súa esposa, Begoña Gómez, que denunciou a pasada cuarta feira a través dunha carta en X. 

“O importante é que queremos agradecer [el e a súa parella] as mostras de solidariedade recibidas de todos os ámbitos. Grazas a esta mobilización, decidín seguir á fronte da presidencia

 

Sánchez iniciou a súa intervención apelando "á conciencia colectiva da sociedade española": "Trátase de decidir que tipo de sociedade queremos ser. E necesitamos facer esta reflexión colectiva que abra paso á limpeza, a rexeneración".

Segundo Sánchez, a súa continuidade "non supón un punto e seguido; é un punto e aparte, garántollo". Así, prometeu que seguirá traballando "sen descanso, con firmeza e con serenidade pola rexeneración pendente da nosa democracia". Neste punto, solicitou a "a maioría social que se mobilice nunha aposta decidida pola dignidade e o sentido común, poñendo freo á política da vergoña que levamos demasiado tempo sufrindo".

"Vítimas dunha persecución"

"Hai dez anos que eu e a miña muller somos vítimas dunha persecución", declarou o presidente, quen lamentou que PP e Vox confundan o dereito á liberdade de expresión coa liberdade de difamación. "Vale a pena aturar isto, non o creo", dixo, antes de facer un chamamento a rexenerar a política española para consolidar dereitos e liberdades.

"Amosemos ao mundo como se defende a democracia", concluíu o líder do PSOE, quen se comprometeu a asumir o liderado desa misión "con firmeza, como presidente do Goberno".

Antes da comparecencia, Pedro Sánchez desprazouse á Zarzuela para comunicar a súa decisión ao rei español, Felipe VI. O monarca mantén a súa axenda para hoxe, que inclúe unha visita a unha base militar en Madrid.

Desde a terza feira

A pasada terza feira, Sánchez anunciou mediante unha carta, que difundiu na rede social X, que cancelaba a súa axenda pública uns días para "reflexionar" sobre se debía continuar no seu cargo após de que ese mesmo día un xuíz de Madrid abrise dilixencias previas por mor da denuncia presentada por Mans Limpas contra a súa esposa por presunto tráfico de influencias e corrupción nos negocios.

"Necesito parar e reflexionar. Úrxeme responderme á pregunta de se merece a pena, pese á lama no que a dereita e a ultradereita pretenden converter a política. Se debo continuar á fronte do Goberno ou renunciar a esta alta honra", escribiu nesa carta, na que tamén acusou PP e Vox de ser "colaboradores necesarios" dun "atropelo tan grave" xunto a "unha galaxia dixital ultradereitista" e a organización Mans Limpas.

Mentres tanto, o PSOE esperaba esta decisión e o seu círculo máis próximo admitía que non sabe que decisión podía tomar, tampouco os seus ministros.

Por tanto, con Sánchez encerrado na Moncloa e con escaso contacto cos seus colaboradores desde hai días, a dirección socialista esforzouse esta fin de semana en enviar mensaxes públicas e "enerxía positiva", segundo as definíu a vicepresidenta e vicesecretaria xeral do PSOE, María Jesús Montero, para convencelo de que quedase.

A decisión do xefe do Executivo xerou estupor na contorna socialista porque nin os máis próximos sabían que ía dar ese paso, polo que o PSOE saíu en bloque a apoiar o presidente mediante mensaxes en redes sociais convertendo ademais o Comité Federal deste sábado nun acto de apoio ao seu líder baixo o lema 'Pedro, queda' ou 'non estás só'.

Comentarios