Israel atacará a Autoridade Nacional Palestina se a Corte Penal Internacional ordena arrestar os seus líderes

O réxime de apartheid israelí transmitiu aos Estados Unidos que responsabilizará e "castigará" a Autoridade Nacional Palestina se a Fiscalía da Corte Penal Internacional lanza medidas provisorias polo xenocidio en Gaza, advertindo que poden causar o seu colapso.

Arresto durante a represión policial contra o campamento pro palestino na Universidade de California nos Ánxeles (UCLA), a quinta feira. (Foto: Gene Blevins / Zuma Press vía Europa Press)
photo_camera Arresto durante a represión policial contra o campamento pro palestino na Universidade de California nos Ánxeles (UCLA), a quinta feira. (Foto: Gene Blevins / Zuma Press vía Europa Press)

O Goberno de extrema dereita israelí, liderado por Benjamin Netanyahu, comunicou aos Estados Unidos que se finalmente a Corte Penal Internacional (CPI) emite ordes de arresto contra autoridades sionistas se vingarán coa Autoridade Nacional Palestina (ANP) por medio de “medidas de represalia” que “poderían conducir ao seu colapso”, publicou a quinta feira o portal Axios, citando dous funcionarios de ambos os dous Estados.

Israel xustificou a decisión en que, segundo a súa información, a ANP, que goberna Cisxordania, está a premer a Fiscalía da CPI, cuestionada pola súa dobre vara de medir en relación a outros conflitos como o de Ucraína, para que solicite a detención de líderes israelís no marco da investigación por crimes de guerra na zona desde 2014, que se ampliou para engadir a actual agresión militar israelí a Gaza.

Un alto funcionario israelí insistiu en que a posibilidade de que o tribunal internacional dea ese paso “é real”, e motivaría “probabelmente” unha “decisión oficial para castigar a ANP”. O medio apunta como unha “posíbel acción” a conxelación das transferencias dos ingresos fiscais que Israel recada no territorio palestino ocupado, o que levaría o organismo á bancarrota.

Tras as primeiras informacións arredor de hipotéticas accións da CPI, o Executivo israelí, alertado ante as posíbeis ordes de arresto contra Netanyahu, o ministro de Defensa, Yoav Gallant, e o xefe do Estado Maior do Exército, Herzi Halevi, reclamou axuda a Washington, o seu principal aliado e provedor armamentístico. “Estamos alentando silenciosamente a CPI a que non o faga”, sinalou un funcionario estadounidense.

Ao tempo, a Casa Branca rexeitou a xurisdición da CPI, que emana do Estatuto de Roma, un tratado que non foi asinado polos Estados Unidos ou Israel. Así e todo, isto non evita que o Goberno de Joe Biden estea a colaborar coa corte para promover as demandas de Ucraína contra Rusia por mor da invasión, a pesar de que Moscova tampouco rubricou o Estatuto.

Porén, o xornal Maariv salienta que a orde contra Netanyahu é “só cuestión de tempo”, describindo o mandatario como “extremadamente alarmado e nervioso” por esta cuestión. O primeiro ministro sionista, que proclamou que non afectarían a agresión militar en Gaza, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) cualifican de limpeza étnica e xenocidio, insistiu en que sería un “escándalo de proporcións históricas” e un “crime de odio antisemita sen precedentes”.

Malia esta narrativa, múltiples organizacións xudías están a ser determinantes nas protestas contra a agresión militar israelí na Faixa. A confusión deliberada que Israel trata de sementar entre antisemitismo e antisionismo recibiu un novo aval por parte da Cámara Baixa estadounidense, que aprobou unha lexislación que estabelece como oficial a definición da Alianza Internacional para a Lembranza do Holocausto, que busca equiparar a maioría das críticas contra o Estado de Israel co antisemitismo.

Baixo esa acusación foron reprimidas varias mobilizacións en universidades estadounidenses que exixían que os centros educativos puxesen punto e final aos negocios con Israel ou con empresas que apoian o xenocidio en Gaza.

A quinta feira foi a quenda da ofensiva policial contra o campamento que as persoas manifestantes instalaron na Universidade de California nos Ánxeles (UCLA), pouco despois de non actuar durante horas cando grupos pro israelís atacaron o lugar. Un voceiro do Gobernador estatal, Gavin Newsom, criticou a “resposta limitada e tardía” da Policía.

Protestas récord desde a agresión contra Vietnam

Desde o 18 de abril, cando a Policía desmantelou o primeiro campamento desenvolto na Universidade de Columbia, producíronse arrestos masivos en máis de 40 ocasións, e arredor de 1.750 persoas foron detidas nunha trintena de centros universitarios, indica a axencia AP, no que os medios locais coinciden en considerar as maiores protestas nas universidades desde a guerra de Vietnam.

O certo é que a represión en Columbia desatou manifestacións similares en institucións ao longo do país, mobilizacións que seguen activas en máis de 60 centros superiores.

Aínda que estas protestas non son exclusivas dos Estados Unidos e tamén decorren en campus de Australia, o Canadá, Francia, Italia ou o Reino Unido, son especialmente relevantes pola influencia única dos Estados Unidos sobre Israel e polas eleccións presidenciais deste ano, nas que Biden busca a reelección contra o ex mandatario Donald Trump.

Neste sentido, un asesor da campaña de Biden declarou que a súa contorna está preocupada pola situación, sostendo que o debate arredor da posición do Executivo ao respecto de Israel pode desmobilizar o seu electorado máis progresista de non mudar o seu apoio fechado ás accións israelís. “Eles están a amosar á sociedade que os Estados Unidos invadiron moitos países en nome da liberdade de expresión e a democracia, pero agora os estudantes están sendo censurados e reprimidos por expresar o seu rexeitamento a Israel”, explicou Samar Saeed, que desenvolve un doutoramento en Historia na Universidade de Georgetown.

A reconstrución de Gaza pode alongarse até o século XXII

A magnitude da destrución causada por Israel en Gaza alcanzou tal nivel que, se a reconstrución das 79.000 vivendas destruídas e 370.000 danadas segue o ritmo do mesmo proceso en conflitos anteriores, serán precisos “aproximadamente 80 anos para restauralas”, resolveu a quinta feira un informe do Programa da ONU para o Desenvolvemento, polo que non se culminaría até o vindeiro século.

No mellor dos casos, e de permitir Israel que ingresen cinco veces máis rápido que en situacións similares os materiais de construción, este proceso podería rematar en 2040. Abdallah al Dardari, director do Programa na rexión, detallou que os custos poderían superar os 35.000 millóns de euros no marco dunha “escala de destrución” que definiu como “enorme e sen precedentes”. A reconstrución de Gaza “é unha misión que a comunidade global non abordou desde a Segunda Guerra Mundial”.

Logo de romper relacións Colombia con Israel polo xenocidio, sumándose a Bolivia e Belice, Turquía suspendeu as relacións comerciais, bloqueando calquera exportación ou importación do réxime de apartheid sionista, informou a axencia Bloomberg. Como mínimo 34.596 palestinas e palestinos foron asasinados por Israel na Faixa de Gaza desde outubro.

Comentarios