Eleccións en Colombia

Petro comprométese a impulsar unha nova Colombia "no medio da diversidade"

O candidato do Pacto Histórico impúxose por 11.281.013 (50,44%) votos contra os 10.580.412 (47,31%) que obtivo o representante da Liga de Gobernantes Anticorrupción.
A vicepresidenta Francia Márquez (primeiro plano) festexa o triunfo electoral co novo presidente, Gustavo Petro. (Foto: Pacto Histórico).
photo_camera A vicepresidenta Francia Márquez (primeiro plano) festexa o triunfo electoral co novo presidente, Gustavo Petro. (Foto: Pacto Histórico).

“A partir de hoxe Colombia cambia”, constatou o que será desde o vindeiro 7 de agosto o primeiro presidente de esquerda do país americano, Gustavo Petro, pouco despois de que o reconto de votos da segunda volta das presidenciais que decorreron o domingo confirmara que a diferenza de votos co seu rival, o independente de extrema dereita Rodolfo Hernández, era xa definitiva.

Finalmente, o candidato do Pacto Histórico impúxose por 11.281.013 (50,44%) votos contra os 10.580.412 (47,31%) que obtivo o representante da Liga de Gobernantes Anticorrupción.

Entre as principais chaves desta vitoria, superando a meirande parte das enquisas que malia detectar o aumento de apoios a Petro incidían de maneira maioritaria en que Hernández ía en cabeza, sinalan os analistas locais que destaca a mobilización conseguida polos progresistas entre a abstención, cun aumento de participación con respecto á primeira volta electoral de máis de tres puntos porcentuais até 58.09%. Ao tempo, os resultados implican unha perda de máis de medio millón de sufraxios aos conservadores tras o apoio do resto de forzas deste ámbito.

Os principais medios de comunicación do país, que reclamaron por medio de distintos artigos o voto para Hernández e difundiron vídeos roubados a Petro para tratar de desacreditalo, puxeron o foco en que a vitoria da esquerda en cidades clave como Bogotá, a capital, responde a un voto “baseado en simbolismos e non en realidades”.

Durante a celebración polos resultados, acompañado do ex candidato presidencial dos Verdes en 2010, Antanas Mockus, Petro fixo un chamamento a “deixar o odio atrás”, facendo fincapé en que “as eleccións amosaron dúas Colombias achegadas en votos [foron os comicios máis axustados desde 1994], mais nós queremos que no medio da diversidade sexa unha Colombia”.

A flamante vicepresidenta, Francia Márquez, a primeira afrodescendente que accede pola vía electoral ao segundo cargo máis importante do Poder Executivo, ratificou que “imos reconciliar esta nación sen medo”, nunha mensaxe dirixida ás e aos líderes sociais.

Retos principais

A vitoria de Petro abre o paso a determinadas transformacións prometidas durante a campaña, e que terá que negociar nun lexislativo fragmentado e cos principais poderes económicos enfrontados.

Entre elas, un dos seus principais obxectivos será a reforma agraria nun Estado no que o 1,5% da poboación controla a metade das terras, recollen os datos do Centro de Memoria Histórica.

Acabar co “latifundio produtivo”, como o define o novo mandatario, é unha das principais loitas progresistas do último século. Avanzar na redución da desigualdade no rural permite amais profundar na implementación dos acordos de Paz coas Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia, tendo en conta que dese pacto o ámbito no que menos pasos se deron desde 2016 foi na Reforma Rural Integral.

Outro dos aspectos nos que Petro defendeu que é máis urxente unha mudanza é no sistema de pensións, que de xeito semellante ao de Chile, está dirixido polo sistema financeiro privado, que o novo presidente procura substituír por un sistema único, público e universal.

Comentarios