Portugal investiga 13 casos de discriminación por parte das forzas de seguridade

Só se produciron 14 acusacións por delitos de odio entre 2020 e 2023 en todo o territorio.
Mário Machado, líder de 1143. (Foto: 1143)
photo_camera Mário Machado, líder de 1143. (Foto: 1143)

Como mínimo 13 procesos disciplinarios por discriminación e incitación ao odio ou á violencia de axentes de forzas de seguridade están activos na Inspecção-Geral da Administração Interna de Portugal, encargada de vixiar os organismos policiais, revelou a terza feira o xornal luso Público citando datos do Relatório Anual de Segurança Interna.

Esta é a cifra de casos que se mantiñan activos en xaneiro de 2024 e que foron arrastrados desde 2023, ano no que só se produciu unha condena, de 45 días de suspensión, por unha acción discriminatoria, dirixida contra un axente da Polícia de Segurança Pública (PSP) que en 2022 criticou nas redes sociais o ingreso dunha persoa romaní á Guarda Nacional Republicana (GNR).

Malia que o máis común é a imposición de multas ou suspensións, estes procesos tamén poden derivar na expulsión dos axentes acusados, como aconteceu cun dos membros da GNR que agrediron migrantes do Nepal en 2019 ou con tres inspectores de Estranxeiría no aeroporto de Lisboa vinculados coa morte dun ucraíno en 2020.

En paralelo, a Fiscalía lusa ratificou que entre 2020 e 2023 apenas emitiu 14 acusacións relacionadas con delitos de odio en todo Portugal, unha cifra que contrasta coas 792 investigacións que se abriron nese período e co incremento de 38% na cifra de delitos de odio desde 2022 a 2023, recollen os datos das forzas de seguridade.

A pesar destes díxitos, o certo é que a meirande parte das persoas afectadas non denuncia. O Instituto Nacional de Estatística subliñou que apenas 8,8% das 1,2 millóns de persoas que sinalaron que sufriron discriminación se puxeron en contacto coas autoridades.

Na madrugada da sexta feira ao sábado foron rexistrados tres ataques contra persoas migrantes no Porto, dous na vía pública e un nunha casa na que residen 11 persoas, que foi asaltada por un grupo con coitelos, porras e paus. Un dos detidos e outras cinco persoas identificadas como autoras da agresión pertencerían a 1143, sosteñen as autoridades portuguesas.

Este grupo de extrema dereita foi impulsado por Mário Machado, que foi condenado a terza feira a case tres anos de prisión por incitar ao odio e á violencia contra mulleres progresistas.

Tamén está detrás da denuncia contra o dirixente de SOS Racismo Mamadou Ba, condenado a pagar 2.400 euros por suposta difamación logo de afirmar que Machado foi responsábel da morte de Alcindo Monteiro, un migrante caboverdiano asasinado en 1995 nunha vaga de ataques en Lisboa da ultradereita, uns ataques polos que si foi condenado.

Comentarios