Puigdemont insiste nun Govern independentista en Catalunya mentres ERC afasta o PSC comparándoo co dirixido por Maragall

O Goberno español convida Aragón a revisar a lei contra a memoria.
O ex presidente catalán Carles Puigdemont a segunda feira. (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press)
photo_camera O ex presidente catalán Carles Puigdemont a segunda feira. (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press)

O ex president e candidato de Junts nas eleccións catalás do domingo, Carles Puigdemont, reiterou a terza feira que a súa aposta é a dun Goberno independentista, se é preciso “con maioría simple, pero que sexa moi cohesivo e moi forte para tirar adiante o país”.

Após descartar acordos coa extrema dereita de Aliança Catalana, que ten opcións de entrar no lexislativo, este Executivo só contaría con Junts e Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), ao desbotar facer unha oferta á Candidatura d’Unitat Popular (CUP) para que entre.

Todas as enquisas difundidas a segunda feira, a última xornada na que se permitía a súa publicación, colocan Junts por diante de ERC.

Puigdemont tamén incidiu en que a única posibilidade alternativa de Goberno sería a liderada polo Partit dels Socialistes (PSC-PSOE), ao que as sondaxes sinalan como primeira forza, canda ERC e Comuns Sumar.

Ao respecto da reedición dun tripartito como o asinado en 2003, Pere Aragonès, mandatario e candidato de ERC, fixo fincapé en que o PSC que dirixe Salvador Illa “está moi lonxe” do liderado naquela altura por Pasqual Maragall, “máis catalanista” e comprometido coa lingua e o autogoberno.

Advertencia a Aragón pola lei contra a memoria

No tocante á lei contra a memoria histórica de Aragón, gobernado por Partido Popular (PP) e a ultraespañolista Vox, o Executivo español convidará o seu homólogo territorial para que a revise antes de recorrela no Constitucional.

Amais, o Supremo anulou a designación da ex ministra de Xustiza Dolores Delgado na Fiscalía de Dereitos Humanos e Memoria Democrática, pedindo ao Consello Fiscal que indique se o posto é compatíbel co papel da súa parella, Baltasar Garzón, como director dunha fundación de dereitos humanos.

Comentarios