O ultradereitista Chega reclama condenar o presidente de Portugal por defender as reparacións coloniais

Rebelo de Sousa insiste en que "desculparse" é a "solución fácil".
André Ventura. (Foto: Pedro Fiuza / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera André Ventura. (Foto: Pedro Fiuza / Zuma Press / Contactophoto)

Como unha “traizón a Portugal” que “non deixarán” que “pase desapercibida”, así definiu a extrema dereita do Chega as declaracións do presidente portugués, Marcelo Rebelo de Sousa (Partido Social Democrata, PSD), nas que pedía que o país liderase o proceso de reparación pola escravitude e a colonización, polo que anunciou que presentará na Assembleia da República unha moción de condena contra el, recolleron a segunda feira medios internacionais.

No marco das críticas da ultradereita, á que se sumaron neste sentido outras forzas conservadoras durante a celebración do medio século da Revolución dos Cravos, o seu líder, André Ventura, advertiu que “o día no que o Goberno portugués dea algunha compensación a unha antiga colonia, deshonrando brutalmente a historia”, rexistrarán unha moción de censura contra o Goberno, liderado por Luís Montenegro (PSD).

O Goberno conservador nega calquera proceso de reparación

O seu Executivo tratou de fuxir da polémica afirmando que a súa liña é a de “Gobernos anteriores”, así como que non forma parte de “ningún proceso” de reparación.

Con todo, Rebelo de Sousa reiterou que se teñen que inspeccionar os bens patrimoniais das ex colonias que se atopen en Portugal para avanzar co proceso de devolución, instando o Consello de Ministras e Ministros a tratar esa cuestión.

Nese sentido, fontes citadas polo Diário de Notícias insistiron en que “nunca houbo ningún pedido de devolución”.

Múltiples formas de reparación

O presidente tamén destacou que existen varias “formas de reparar” o tocante á colonización, detallando a “condonación de débedas, a cooperación, a concesión de liñas de crédito e financiamento”, resolvendo que “desculparse é unha solución fácil ao problema”.

Comentarios