Yousaf dimite como primeiro ministro escocés e líder do SNP antes das mocións de censura na súa contra

O substituto de Sturgeon renuncia aos 13 meses.
Humza Yousaf a segunda feira. (Foto: Andrew Milligan / PA Wire / DPA vía Europa Press)
photo_camera Humza Yousaf a segunda feira. (Foto: Andrew Milligan / PA Wire / DPA vía Europa Press)

Catro días despois de anunciar publicamente a fin do acordo de coalición entre o Partido Nacional Escocés (SNP) e os Verdes, e tras desempeñarse como primeiro ministro durante trece meses, Humza Yousaf presentou a segunda feira a súa dimisión como líder escocés e do SNP ante a incerteza polo resultado no Parlamento das dúas mocións de censura presentadas, unha do Partido Conservador contra el e outra do Partido Laborista dirixida a todo o seu Executivo.

Nunha comparecencia pública, Yousaf admitiu que a súa “esperanza era seguir traballando cos Verdes nun acordo menos formal a medida que o SNP avanzaba cara a unha nova fase de Goberno minoritario”, reiterando que mantén que a fin do pacto gobernamental, que garantía a maioría absoluta no lexislativo, foi a “decisión correcta”.

Con todo, “ao pór fin ao acordo” da “maneira na que o fixen”, o que chegou após o choque entre ambas as formacións pola decisión de Yousaf de abandonar o compromiso de reducir até 75% as emisións de gases de efecto invernadoiro ao final desta década, “subestimei claramente o nivel de dor e malestar que causei aos colegas verdes”, admitiu, detallando que é “fundamental” a confianza “ao traballar coa oposición” para que un Executivo en minoría “poida gobernar efectiva e eficientemente”.

Ao respecto da moción de censura, que considerou “absolutamente posíbel” superar, subliñou que “non estou disposto a cambiar os meus valores e principios, nin a facer tratos con quen sexa simplemente para reter o poder”.

Con anterioridade, Yousaf remarcara que se lle estaba a pedir un prezo demasiado alto, o que os medios locais interpretaron como unha alusión á exixencia de Alex Salmond, ex líder do SNP, quen deixou entrever que o primeiro ministro tería que asinar un pacto electoral coa súa formación, Alba, para recibir o apoio da súa única parlamentaria, Ash Regan.

O voto favorábel de Regan, quen foi elixida polo SNP antes de cambiar de formación, implicaría un empate entre os nacionalistas e a oposición, ante o que se prevía que a presidenta do Parlamento, Alison Johnstone, escollida polos Verdes, mantería a neutralidade e evitaría a censura de Yousaf.

Neste contexto, o líder escocés salientou que concluíu que “reparar a nosa relación” exixe que outra persoa “estea ao mando”.

No tocante ao proceso interno que desenvolverá o SNP para designar un novo liderado, un dos primeiros nomes que xurdiu na prensa foi o de Kate Forbes, que perdera contra Yousaf na carreira para substituír a ex primeira ministra Nicola Sturgeon.

Comentarios