'Liña do Galego': a toponimia deturpada e a exclusión da lingua, principais queixas das persoas galegofalantes

O servizo da Mesa pola Normalización Lingüística a 'Liña do Galego' tramitou 1.129 expedientes en defensa do uso da lingua o ano pasado.
Soledad Agra e Marcos Maceira esta sexta feira durante a presentación do informe de 2023 da Liña do Galego en Compostela. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Soledad Agra e Marcos Maceira esta sexta feira durante a presentación do informe de 2023 da Liña do Galego en Compostela. (Foto: Nós Diario).

"Os sinais da estrada exclúen a lingua propia de Galiza". "Estiven máis de dúas horas ao teléfono para conseguir que a miña compañía telefónica me atendese na miña lingua". "Como podo galeguizar o meu apelido?". "Existen modelos de contratos de alugueiro en galego?". Queixas e sobre todo consultas inzaron en 2023 os rexistros da 'Liña do Galego', o "único servizo  gratuíto" que se oferta na Galiza para dar conta das vulneracións, demandas e felicitacións relacionadas coa nosa lingua.

A iniciativa da Mesa pola Normalización Lingüística conta coa colaboración da Deputación da Coruña, cuxo compromiso destacou e contrapuxo "ao absentismo da Xunta da Galiza" o presidente da entidade en defensa da lingua, Marcos Maceira esta sexta feira durante a presentación do informe anual da 'Liña do Galego' correspondente a 2023.

Queixas lingüísticas

O ano pasado, A Mesa tramitou un total de 1.129 expedientes diante de entidades públicas e privadas en defensa do dereito ao uso do galego. A través de chamadas, correos electrónicos e da app da 'Liña do Galego' anotou 650 consultas, 450 queixas e 29 parabéns.

Maceira debullou xunto a Soledad Agra, deputada de Lingua da Deputación da Coruña, os detalles do informe. Das queixas presentadas por persoas galegofalantes, as máis estiveron motivadas por discriminacións e exclusións lingüísticas (28%) e pola a toponimia deturpada (25% ). Segundo explicou o presidente da Mesa, ano tras ano constatan un aumento das protestas referidas ao uso do galego en sitios web e servizos en liña (22%).

Do total das queixas recibidas en 2023, 54% foron dirixidas a administración públicas e 32% a empresas de servizos. En menor medida, as entidades bancarias recibiron 6%, empresas privadas 5% e 2% medios de comunicación.

Maceira salientou que 41% das demandas dirixidas á administración puña o foco na Xunta, "evidenciando os pasos atrás que o Goberno galego está a dar nos últimos anos en relación co impulso da lingua galega na administración e no respecto aos dereitos lingüísticos da cidadanía". E insistiu o presidente da Mesa: "Quen máis debería facer cumprir a lexislación é quen máis a incumpre e vulnera".

Sanidade e Educación

A Consellaría de Sanidade concentrou case a metade dos descontentos (38%) e 15% a Consellaría de Educación. O informe tamén destaca unha suba significativa das queixas dirixidas ás tres universidades galegas por impedir ou dificultar ao alumnado a realización de trámites en galego.

A administración xeral do Estado recibiu 34% das queixas, o que para Maceira demostra que "as persoas usuarias da 'Liña do Galego' son cada vez máis conscientes de que os seus dereitos lingüísticos van máis alá das fronteiras galegas e que Goberno estatal tamén debe cumprir coas súas obrigas lingüísticas".

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostíbel foi o principal destinatario das protestas por deturpación de toponimia galega nos paneis das estradas e pola ausencia de atención oral e escrita en galego por parte de Renfe e Adif, se ben tamén son numerosas as queixas dirixidas ao Ministerio do Interior (20%).

Por último, a administración local recibiu 25% das queixas interpostas, por deturpación da toponimia e exclusión do galego en actividades e servizos.

Sector privado

Vodafone, Naturgy, Movistar e El Corte Inglés aglutinaron 37% das protestas no sector privado. A que máis queixas rexistrou foi Vodafone (12%), especialmente a partir da campaña 'Venche a Vodafone', seguida moi de perto por Naturgy (11%). A falta de atención oral e escrita en galego, a sinalización dos estabelecementos só en español e a deturpación de toponimia galega en escritos e páxinas web son as principais queixas dirixidas ás empresas.

Pola igualdade de dereitos lingüísticos e contra os prexuízos

"A acción da 'Liña do Galego' é fundamental para resolver positivamente parte das denuncias con motivación lingüística que recibe a institución", afirmou o presidente da Mesa Marcos Maceira quen lembrou, ademais, que serve para documentar denuncias internacionais como as presentadas no Consello de Europa ou a ONU.

Pola súa parte, a deputada de Lingua da Deputación da Coruña, Soledad Agra, manifestou que "é preciso traballar pola igualdade de dereitos lingüísticos e pola fin dos prexuízos, tópicos e actitudes negativas que aínda hoxe afectan ao uso da nosa lingua" ao tempo que salientou a obriga das entidades públicas á hora de "garantir que calquera persoa que así o desexe poida desenvolver a súa vida plenamente en galego con normalidade".

Comentarios