Suso Santiso, hostaleiro: "En Palas de Rei temos traballo, non nos fai falta a celulosa"

Suso Santiso e María Varela rexentan desde hai 27 anos A Parada das Bestas, en Palas de Rei (A Ulloa). Ofrece no Camiño de Santiago a opción de deixar a ruta oficial durante unhas horas ou días e mergullarse na cultura e na tradición do rural. O seu restaurante serve produtos de km cero e abandeira desde o seu negocio a loita contra a celulosa.
Suso Santiso diante do seu restaurante en Palas de Rei (Foto: M. M.).
photo_camera Suso Santiso diante do seu restaurante en Palas de Rei (Foto: M. M.).

—Leva 27 anos á fronte da Parada das Bestas, mais como xurdiu?
Levamos abertos desde 1997. A nosa filosofía foi implantarnos no rural, tiñamos 24 anos, eu vin de Bilbo e María [a súa muller] é de Palas. A historia era formar unha familia e poder demostrar que se pode vivir nunha contorna privilexiada coma é o rural que temos.

—E pódese vivir e traballar no rural?
Claro que se pode, día a día e con esforzo, como todo. Pódense criar fillos no rural e ter un negocio. Un día con outro, desde os 24 anos, e vou facer agora 57. Vivín 24 en Bilbo pero sempre tiven na cabeza vir ao rural. O que non imaxinaba era que neste lugar ían meter unha industria pesada [refírese ao proxecto para construír a macrocelulosa de Altri en Palas de Rei]. 

—Cal é o selo de identidade da Parada das Bestas?
Temos habitacións e apartamentos, todo na mesma leira, e tamén restaurante. Hai meses bos nos que se traballa mellor, fundamentalmente é traballo estacional grazas ao Camiño de Santiago e tamén a que temos un restaurante. Contamos cunha despensa de quilómetro cero, produtoras e compañeiros que temos na zona, unha rede de distribuidoras de produtos locais. A nosa horta, os produtos da zona en ecolóxico, coas maneiras de sempre. 

—A celulosa de Altri afectaría o seu abastecemento?
Evidentemente, a xente que traballa con selo ecolóxico, se está nun radio de 10 kim, vai perder todo. Non vas mercar mel ecolóxico da zona de influencia dunha celulosa. Ou podes seguir mercando un queixo Arzúa-Ulloa, pero notarás que muda o sabor. Quérennos hipotecar 75 anos das nosas vidas, isto non pode ser. Teño fillos aos que quero deixarlles o espazo no que vivimos.

—Como hostaleiro afectado, cal é a súa opinión respecto a Altri?
Estamos a mercede do que manda a xente que ten poder. A miña opinión como a de moitos outros é dicir: “Non, grazas, non nos fai falta”. Temos traballo, non temos desemprego. Temos unha actividade vencellada ao Camiño de Santiago, á etapa entre Palas e Arzúa, e os peregrinos van topar coa maior celulosa de toda Europa, por moito que a queiran disfrazar. Eu vivo practicamente do Camiño de Santiago, o meu aloxamento non tería lugar nin sentido se non houbese Camiño, e caro custou que veña o peregrino que escapa da aglomeración das vilas, que quere coñecer a cultura galega, o que é unha casa e o contacto cunha aldea, unha cociña diferenciada con produto diferenciado. 

—Os defensores de Altri falan de progreso…
Temos moitos temas prioritarios na Galiza para arranxar sen pór Altri aquí. Penso que o modelo de crecemento que teñen para o rural non é correcto. Non hai intención de que a xente volva vivir no rural, de desenvolvelo, o único que queren é que nos vaiamos todos para poder campar ás súas anchas. Pero vai ser que non, aínda estamos aquí. Para min é como a deforestación do Amazonas. Estamos quitando do noso patrimonio natural para plantar aceite de palma ou soia (na Amazonía), neste casos son eucaliptos, non nos damos conta de que estamos rebentando a nosa Amazonía?

—Até onde vai chegar a contestación dos afectados?
Queremos evitar a celulosa, é unha fábrica desproporcionada. As galegas e os galegos están chamados a manifestarse en Palas de Rei o 26 de maio. Falamos dun atentado contra o medio ambiente, contra a nosa forma de vivir. Non nos preguntaron nada, impoñen a celulosa. Non é un proxecto estratéxico, isto é unha estratexia para facer un proxecto, esa é a diferenza.


Alerta ante as expropiacións

A Parada das Bestas é un dos moitos estabelecementos de cara ao público coa pancarta “Altri non” que pendura dun dos seus balcóns. Suso Santiso leva 27 anos vivindo e rexentando o seu establecemento en Pidre (Palas de Rei, A Ulloa) e ten claro que o de Altri “non é un modelo de crecemento para este país”. Diante da pancarta pide aos promotores do Proxecto Gama (para a construción da macrocelulosa) “que escoiten o pobo, que non impoñan”. Suso asistiu en marzo en Palas de Rei á primeira reunión que técnicos de Altri mantiveron coa veciñanza. Logo do que escoitou destaca que “non se pode facer un proxecto e, despois de dous anos, que o dono da maior parte dos terreos vaia a unha reunión cos técnicos e teña que dicir que non acordaron con el a venda de terras”. Asegura que nese intre da reunión “quedou todo moi claro, xa teñen programado expropiar”.
 

Comentarios