O BNG defende a creación do Museo Galego da Electricidade nas Pontes

O Goberno municipal do PSdeG rexeita a proposta nacionalista.
Central térmica das Pontes, na comarca do Eume (Foto: Raúl Lomba / Europa Press).
photo_camera Central térmica das Pontes, na comarca do Eume (Foto: Raúl Lomba / Europa Press).

Unha proposta do BNG para ampliar a declaración como Ben de Interese Cultural a cheminea da antiga central das Pontes centrou o debate do pleno da Corporación da localidade da comarca do Eume desta quinta feira.

A proposta recibiu os votos en contra do grupo do Goberno municipal, o do PSdeG, mentres que contou coa abstención do PP, nunha división que, segundo a formación nacionalista, "evidencia a obriga dun debate social sobre o futuro das instalacións da central antes do desmantelamento".

O BNG propón que a declaración de BIC da cheminea, que debe resolverse pola Xunta da Galiza en xuño de 2024, contemple tamén o parque de carbóns, unha das caldeiras, a nave de turbinas, a sala de control, e dúas torres de refrixeración. Este conxunto formaría o Museo Galego da Electricidade, de saír adiante a iniciativa nacionalista, que tamén demanda un estudo do uso do resto de instalacións.

"Os obxectivos da proposta son os de xeración de actividade económica e emprego alternativo, a curto prazo, que permita compensar, en parte, a destrución de postos de traballo que está a producirse desde 2019, ademais de manter a presenza de Endesa para comprometela nun novo e actualizado Plan de Desenvolvemento para As Pontes", explica o BNG.

"O PSOE votou en contra, con argumentos pobres, escasos, faltos de rigor, e contraditorios, nunha posición de comercial de Endesa, na defensa dos seus intereses máis que os propios e lexítimos das Pontes", continúa a formación nacionalista.

"A súa posición en contra fundaméntase, segundo o alcalde -que, ao contrario do que vén sendo normal, participou no Pleno-, en tres piares. Un deles, a necesidade de solo industrial na parcela da central, despois de máis de 16 anos de Goberno sen desenvolver algún”, salienta a formación.

Durante o debate, "nin el nin o concelleiro de urbanismo foron quen de dar resposta á pregunta, repetida e insistente, do BNG, sobre de quen sería a propiedade e se estaría dispoñíbel antes de que rematen as axudas para captar proxectos", acrecenta o grupo nacionalista.

"Outra das xustificacións foi o elevado custe do mantemento, que chegou a valorar nos 500.000 euros anuais, sen explicar a procedencia do dato, e no feito de que, aínda que o mesmo correspóndelle por lei a Endesa, tería que levar parello o mesmo uso, é dicir, o de central térmica para xerar electricidade, segundo un criterio xurídico do que tampouco aclarou a fonte", engade o BNG.

"O outro argumento foi o do emprego, xa que o desmantelamento permitiría manter os postos do persoal das auxiliares durante 4, 5 ou 6 anos -entón non remataría até o 2029 ou 2030; e logo o solo industrial para cando-, desprezando non só o museo galego, tamén o emprego, en número e tipo -uns cantos de seguridade-, da proposta do museo con outros usos compatíbeis", salienta a formación.

Comentarios