O BNG lembra que as peaxes continúan na AP-9 "por culpa do PP"

Rego denuncia a "manipulación" dos populares.
Néstor Rego na comparecencia de onte. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Néstor Rego na comparecencia de onte. (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denunciou esta sexta feira a campaña de “manipulacións e mentiras” posta en marcha polo PP respecto ás peaxes na AP-9 e na AP-53 e aclarou que “se os galegos e as galegas seguimos pagando polo uso das autoestradas é responsabilidade do PP, mais se pagamos menos é grazas ao BNG”. Subliñou, neste sentido, que grazas ao acordo de investidura asinado pola formación nacionalista os usuarios e usuarias habituais terán bonificacións nas peaxes de ata un 75%.

O deputado nacionalista quixo deixar claro que se os prezos na AP-9 soben este ano máis que o IPC é fundamentalmente porque así se contempla no convenio asinado en 2013 por Ana Pastor, agora deputada do PP por Galiza no Congreso e daquela ministra de Fomento con mariano Raxoi. “Ela foi quen asinou a addenda pola ampliación de Rande e a circunvalación de Santiago que establece unha subida de 1 % por riba do IPC”, remarcou.

Subliñou Rego, ademais, que os galegos e as galegas "non estariamos pagando peaxes dende o pasado 17 de agosto de non ser pola prórroga da concesión" da autoestrada até 2048 asinada polo Goberno de José María Aznar “a cambio da construción dun tramo de menos de oito quilómetros”.

Fronte a xestión do PP,  explicou, “o BNG conseguiu bonificacións que fan que os usuarios paguen unha cuarta parte do que está estabelecido”, insistiu Néstor Rego, que no caso da AP-53 subliñou que o tramo Compostela-Lalín é de pago por decisión do PP no Goberno estatal.

Xulgados

O deputado no Congreso denunciou, por outra parte, a “manipulación” e os “enganos” do PP respecto aos xulgados de violencia de xénero. “Chegaron a dicir que se non hai xulgados é culpa do BNG, mais a realidade é que até o 2023 o Goberno galego do PP non reclamou ningún xulgado de violencia de xénero e en diversas ocasións votou en contra de iniciativas do BNG no Parlamento para reclamalos en Ourense, Lugo e Santiago”. Preguntado polos medios  polo 18-F, Rego incidiu en que o cambio galego pasa por concentrar todo o voto de quen quere cambio no BNG, “que hoxe é a forza mellor situada, mellor posicionada, para conseguir liderar esa mudanza". 

Comentarios